Tes menos de 60 anos? Xa podes solicitar a cuarta dose da vacina contra a Covid-19

Dose da vacina contra a Covid-19 (Foto: Nós Diario).
A Comisión de Saúde Pública estatal fixo un chamamento a que se vacinen as persoas que faltan por facelo así como as persoas vulnerábeis.

A Comisión de Saúde Pública, na cal están representados o Ministerio de Sanidade e as Comunidades Autónomas, avalou que as persoas menores de 60 anos sen factores de risco, e sempre que non haxa unha contraindicación, se poidan vacinar coa cuarta dose da vacina contra a Covid-19.

"Poderase vacinar ás persoas menores de 60 anos sen factores de risco que o soliciten por razóns administrativas ou por outros motivos, non existindo contraindicación", informou o Ministerio de Sanidade tras a reunión da Comisión de Saúde Pública esta quinta feira.

As persoas expertas da Comisión abordaron varias actualizacións da Estratexia de Vacinación contra a Covid-19.

Vacina pediátrica

Así, deron os seus visto e prace á recomendación de vacinar a poboación de 6 a 59 meses de idade con condicións de risco coa vacina pediátrica.

Por outra parte, a Comisión reiterou o chamamento ás persoas para completar a súa vacinación ou que non recibisen aínda a vacina, así como a recomendación da Administración da segunda dose reforzo para os grupos de risco.

Dose de reforzo

Tamén insistiu na importancia da vacinación con dose de reforzo naquelas persoas vulnerábeis como maiores de 60 anos, persoas residentes en centros de maiores, persoal sanitario e menores de 60 anos con factores de risco e inmunosupresión.