Tes fame? Un estudo identifica unha forma de regular a hormona que causa o apetito

Descúbrese un mecanismo que regula a hormona do apetito (Foto: Nós Diario).
A investigación "representa un fito moi significativo", non só desde o punto de vista fisiolóxico, tamén para a abordaxe de enfermidades metabólicas como a obesidade.

Investigadores do Institut d'Investigació Sanitària Pere Virgili (IIPSV), o CIBER de Diabetes e Enfermidades Metabólicas (CIBERDEM) e do Hospital Joan XXIII de Tarragona identificaron nun estudo un mecanismo a través do cal os adipocitos (as células que principalmente compoñen a graxa corporal) producen leptina, unha das principais hormonas que regula o apetito.

Reloxo biolóxico

A revista Cell Metabolism publicou os resultados do traballo no cal observaron que este mecanismo tamén regula o reloxo biolóxico das células da graxa, informa o instituto de investigación nun comunicado.

A investigación recibiu máis dun millón de euros e "representa un fito moi significativo", non só desde o punto de vista fisiolóxico, tamén para a abordaxe de enfermidades metabólicas como a obesidade.

A investigadora do IIPSV Sonia Fernández-Veledo explicou que, ao comer, os niveis de leptina en sangue aumentan e esta hormona é responsábel de mandar o sinal de saciedade ao cerebro.

Produción de leptina

Nas persoas con obesidade prodúcese máis leptina que nas delgadas, pero, á súa vez, desenvólvese un fenómeno que se coñece como resistencia á leptina, que significa que o organismo non responde a esta hormona.

As persoas con obesidade teñen, por tanto, o mecanismo de saciedade alterado: "O noso estudo non só demostra o mecanismo polo cal os adipocitos producen leptina, senón tamén por que a graxa das persoas con obesidade o fai de forma excesiva", dixo.