Un terzo do alumnado da ESO consumiu marihuana

28,9% do estudantado galego de entre 14 e 18 anos probou o cánnabis. (Foto: Aleksej)
A marihuana, e os seus derivados como o haxix, continúan a ser a droga non regulada máis consumida na Galiza. Por unha parte, o seu uso esténdese entre a mocidade e pola outra, doentes que a precisan para unha variedade de tratamentos, como os oncolóxicos, teñen que acudir ao 'mercado negro' pola falta de regulación.

O cánnabis é a principal substancia non regulada consumida na Galiza e na Unión Europea, ratifican as estatísticas dispoñíbeis.

Cando menos 32,2% da poboación galega probouno algunha vez, sinala o informe de 2021 de Alcol, tabaco e drogas ilegais do Ministerio español de Sanidade. 8% dos habitantes da Galiza consumírono nos últimos 12 meses, 6,6% o último mes, mentres que a idade media do comezo do uso desta droga localízase nos 18,6 anos.

Así e todo, o consumo é inferior a territorios como Catalunya, Illes Balears, País Valencià ou Comunidade de Madrid.

Máis consumo a menos idade

Un dos elementos que destaca o documento é que "a prevalencia do consumo diminúe notabelmente segundo aumenta a idade, o que se repite tanto en homes como en mulleres", situando o grupo de entre 15 a 24 anos como o maior en consumo a nivel estatal, con 22,1% recoñecendo ter consumido no último ano, unha cifra que diminúe até 2,6% nas persoas entre 55 e 64 anos.

Un de cada tres estudantes xa a probou

Para avaliar a situación nas aulas, efectúase a enquisa sobre o uso de drogas no Ensino Secundario Obrigatorio. A de 2021 revela que 28,9% do estudantado galego de entre 14 e 18 anos xa a probou, cunha idade media de comezo do consumo neste grupo de 15 anos.

Neste punto, as estatísticas sinalan a diverxencia entre sexos, pois ao tempo que 32,3% dos menores de idade asumen tela consumido, entre as mulleres redúcese ao 25,3%.

A directora xeral de Saúde Pública da Xunta da Galiza, Carmen Durán, defende que hai que pór o foco nas persoas máis novas e adianta que están a traballar na elaboración dunha normativa galega de prevención das adicións entre as persoas menores de idade.

Ademais, afirma que o consumo de cánnabis na adolescencia "está claramente relacionado coa presenza de alteracións no desenvolvemento do sistema nervioso central, o fracaso escolar, a maior probabilidade de consumir outras drogas ou a aparición de episodios psicóticos entre os menores de idade".

Outro dos factores a ter en conta é a percepción do risco que pode xerar esa conduta. Os datos recollidos desde 2006 a nivel estatal desvelan unha redución da porcentaxe de estudantes que consideran que o consumo esporádico pode causar moitos problemas, que pasa de 70,2% a 52,2%.

Un dos elementos que destacan as autoras e autores do informe é que arredor de 9 de cada 10 estudantes mestura o cánnabis con tabaco e que  33,5% do alumnado consumiu tanto marihuana como haxix.

Con respecto á posibilidade de que a marihuana fose finalmente legal no Estado español, até 18,2% do alumnado que non a consume salienta que no caso de regularse, si que a probarían.

Tolerancia social

A Fundación de axuda contra a drogadicción explica que o cánnabis "é unha substancia que goza dun amplo nivel de tolerancia social e unha relativamente baixa percepción do risco asociado ao seu consumo".

O Ministerio de Sanidade, alén de alertar dun aumento dos riscos a medida que o comezo do consumo se produce a idades máis temperás, fai tamén fincapé en que "os datos das incautacións no Estado e mais en Europa indican un progresivo aumento da pureza e potencia do cánnabis".

Corrobora este aspecto e os problemas que agudiza Jesús Cancelo Martínez, psicólogo clínico e director xerente de Alborada de Vigo, asociación cidadá de loita contra a droga, que desvela que arredor de 20% das demandas de tratamento que reciben son por esta droga, cando "antes viñan buscando máis tratamento por heroína ou cocaína".

"Hai que facer prevención nas escolas, nas familias, dedicar recursos á atención destas persoas", asevera Cancelo, que abre a porta a unha Lei que despenalice o consumo para comprobar se "melloraría a convivencia" na sociedade.

90% apoia a legalización para uso terapéutico

Ademais dos usos vencellados ao ocio, a marihuana tamén é utilizada para tratar unha gama de doenzas polas súas propiedades analxésicas, relaxantes, contra as náuseas e como estimulante do apetito, polo que se emprega, entre outros, en pacientes oncolóxicos ou con dor crónica.

A contradición entre este uso e a persecución do consumo do cánnabis impulsa varias iniciativas lexislativas para garantir o seu emprego con fins terapéuticos, seguindo a estela de arredor de 70 Estados. Segundo o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) estatal, 90% da poboación apoia esta medida.

Ao tempo, "a loita contra o narcotráfico é eterna", sinala o director de Alborada de Vigo, que explica que é "unha opción para eliminar mafias, delincuencia ou corrupción".