Un terzo das galegas e galegos susceptíbeis de vacinarse xa teñen a pauta completa

Aglomeración en abril na Cidade da Cultura durante a campaña de vacinación. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O 33,28% das galegas e galegos susceptíbeis de ser vacinados xa teñen a pauta completa dalgún dos compostos contra a Covid-19, segundo informa a Consellaría de Sanidade.

786.379 galegas e galegos xa teñen a pauta completa da vacina contra a Covid-19, isto supón un terzo das persoas maiores de nove anos no país, as que son susceptíbeis de vacinarse, comunicou hoxe a Consellaría de Sanidade.

Ademais dese 33,28% que ao feche da campaña de vacinación do sábado xa recibira a todas as doses dalgún dos compostos aprobados pola Axencia Europea dos Medicamentos, Sanidade informa de que o 54,36% das galegas e galegos maiores de nove anos xa recibiron cando menos unha dose.


O sábado puxéronse 26.509 inxeccións, ascendendo o número de doses totais a 2.027.052. Segundo a información da Consellaría o Sergas administrou o 92,90% das 2.181.875 doses recibidas pola Galiza.


Ao tempo, sinala que 12.981 persoas de alto risco, 16.354 dependentes non institucionalizados e 23.211 institucionalizados recibiron a pauta completa. Entre as traballadoras e traballadores esenciais só 4.186 completaron o proceso.


Se se clasifica toda a poboación vacinada por franxas de idade, os datos de Sanidade reflicten que, até o de agora, 130.581 persoas maiores de 85 anos, 95.566 de 80 a 84 anos e 133.054 de 75 a 79 anos recibiron unha dose.

De 70 a 74 anos, foilles administrada cando menos unha picada a 150.772 persoas, 150.718 de 65 a 69 anos; 168.963 de 60 a 64 anos; 176.696 de 55 a 59 e 157.972 de 50 a 54 anos. No que atinxe as persoas maiores de 50 anos recibiron polo menos unha dose 1.164.322 persoas.

A estes datos hai que engadir 32.839 persoas de 45 a 49 anos; 28.352 de 40 a 44 anos; 20.646 de 35 a 39 anos; 16.604 de 30 a 34 anos; 13.477 de 25 a 29 anos; 7.376 de 20 a 24 anos; 736 de 15 a 19 anos; e un de 10 a 14 anos.