Un terzo da poboación galega respirou aire contaminado por riba dos novos límites legais en 2024

Varios vehículos na autovía A-6. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
Un informe sobre a calidade do aire elaborado por Ecoloxistas en Acción conclúe que 850.000 persoas estiveron expostas a unha contaminación que excede os novos límites aprobados para 2030 pola Unión Europea.

O estudo impulsado por Ecoloxistas en Acción analiza os datos recollidos en 61 estacións oficiais de medición instaladas en todo o territorio galego e conclúe que durante o ano pasado a calidade do aire mellorou na Galiza con respecto ao anterior, 2023, e os previos á Covid, cunha redución significativa dos niveis de partículas en suspensión (PM10 e PM2,5), dióxido de nitróxeno (NO2) e ozono troposférico, en porcentaxes que oscilan entre 14 e 83% con respecto ás medias do período 2012-2019.

O informe de Ecoloxistas toma como referencia os novos valores límite da Directiva europea 2024/2881, de 23 de outubro de 2024, que deberán alcanzarse antes de 2030. Segundo eses limiares, e malia a mellora global da calidade o aire, en 2024 unha terceira parte da poboación galega respirou aire contaminado, "o que expresa a magnitude do reto a asumir polas administracións nos próximos anos para aliñarse coa nova lexislación", sinalan os promotores do estudo.

Considerando a normativa aínda vixente, non houbo poboación que respirase aire contaminado nin superficie exposta a niveis de contaminación que danan a vexetación, por encima dos obsoletos límites legais actuais, "aínda que os niveis de partículas e/ou NO2 excederon os límites nas catro estacións dos portos de Marín e Vigo".

Se se teñen en conta os valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), moito máis estritos que os límites legais vixentes e novos, e o obxectivo a longo prazo para protexer a vexetación da Unión Europea, "o aire contaminado afectou en 2024 á totalidade da poboación galega", destacan. En cambio, pola forte caída do ozono o territorio galego estivo libre de niveis de contaminación prexudiciais para a vexetación.

Ademais, as partículas (PM10 e PM2,5) e o dióxido de nitróxeno (NO2) no aire afectaron a práctica totalidade da poboación galega. As partículas presentaron a peor situación na cidade de Ourense. As áreas urbanas da Coruña e Vigo incumpriron o novo límite legal anual para 2030 do NO2. E a fábrica de cemento de Oural (Lugo) elevou o dióxido de xofre (SO2) na súa contorna.

Condicionante da saúde

Desde Ecoloxistas en Acción apuntan que a contaminación do aire debería abordarse como un problema sanitario de primeira orde. Segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente, en 2022 faleceron até 30.000 persoas no Estado español pola mala calidade do aire, 900 delas na Galiza.

A entidade ecoloxista realizou en 2023 e 2024 dúas campañas de medición de NO2 nos accesos a algúns dos centros escolares con máis tráfico motorizado das cidades da Coruña e Vigo, co resultado de que a poboación escolar está a miúdo exposta a niveis moi elevados de contaminación, por riba dos rexistrados nas estacións oficiais de control da calidade do aire. O que ademais cuestiona a súa correcta localización.

Zonas de baixas emisións

Vencido hai dous anos e medio o prazo para que todos os municipios de máis de 50.000 habitantes estabelezan zonas de baixas emisións, non só para mellorar a calidade do aire senón tamén para mitigar a crise climática reducindo as emisións de dióxido de carbono (CO2), as cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo non cumpriron sequera formalmente esta obriga, sendo ineficaz a implantada na Coruña polo seu ridículo tamaño. Pontevedra puxo en marcha a zona de baixas emisións máis ambiciosa do Estado español, dando continuidade ás súas consolidadas políticas de mobilidade sustentábel.

Ecoloxistas en Acción saúda como un grande avance a aprobación da nova Directiva europea de calidade do aire, e confía en que obrigue a Goberno estatal e comunidades autónomas a "aplicaren sen prórrogas medidas eficaces para cumprir en 2030 os novos límites legais, no marco dos preceptivos plans de calidade do aire, así como para mellorar a medición e a información", para o que a organización pide ao Executivo unha "rápida transposición".