Tres sismos sacudiron nas últimas horas San Amaro, Sandiás e A Gudiña

Epicentro do tremor rexistrado en Sandiás. (Mapa: IXN)
Os tres terremotos, así como un cuarto rexistrado esta madrugada en augas do Atlántico, foron de magnitude 1,7.

A terra volveu tremer no sur do país ao longo desta pasada fin de semana. Os concellos de San Amaro (comarca do Carballiño), Sandiás (A Limia) e A Gudiña (Viana) rexistraron senllos terremotos nas últimas horas, segundo a última información compartida polo Instituto Xeográfico Nacional (IXN).

En concreto, o sismo en San Amaro, de magnitude 1,7, rexistrouse ás 5.15 horas deste domingo. Ese mesmo día, e coa mesma intensidade, mais xa contra as 20.28 horas, o municipio limiao de Sandiás sufriu outro tremor da terra.

Con anterioridade, ás 3.44 horas do sábado, A Gudiña anotou outro sismo, novamente de magnitude 1,7. E a semana comeza esta segunda feira co IXN informando dun novo terremoto, de idéntica intensidade, neste caso situado en augas do Atlántico fronte á costa galega, ao sur do país.

"Non hai epicentro que non se repetise"

Este tipo de tremores de baixa magnitude, porén, non deben sorprender á cidadanía galega. Tal e como explicaba recentemente a Nós Diario o xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, "a Galiza é un mosaico, está esnaquizada. Unhas veces móvese nun sitio e outras veces noutro, pero sempre sabemos onde se van producir os sismos. Non hai ningún epicentro que non se teña repetido algunha vez".

"Recoñécense ben dúas zonas clásicas, unha en Becerreá e Triacastela e outra na costa. Se observamos o mapa de fallas da Galiza vemos que está todo percorrido de fracturas con distintas orientacións. Non se ven, pero están aí, e permiten identificar as zonas onde hai máis probabilidades de que se produzan terremotos", apuntaba o experto a este xornal.