Os terremotos con epicentro en Laza poderían continuar, advirte o Instituto Xeográfico

O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) resta importancia á vaga de terremotos da última semana sentida na comarca de Verín, aínda que admiten que esta podería continuar durante os próximos días.

"Forman parte da liberación de enerxía que se produce debido aos esforzos acumulados na cortiza terrestre", sinalan fontes do IGN consultadas por Europa Press esta sexta feira, xornada na que se produciu o tremor de maior magnitude da serie que desde hai unha semana rexistra esta zona.

Estes episodios sísmicos puntuais adóitanse dar en toda a zona norte da Península Ibérica. Territorios como Nafarroa e Cantabria son puntos habituais nos que a actividade tectónica se fai notar.

Neste sentido, o IGN considera que non se debe alarmar á poboación xeral.

"A maioría destes terremotos son imperceptíbeis para os seres humanos. Os máis potentes e que si mostran efectos na superficie, uns 7 de 80, tiveron unha intensidade de 3-4. Nestes rexistros é imposíbel que se produzan danos materiais ou mesmo humanos", inciden os expertos do instituto.

Aínda así, o Instituto Xeográfico controlará a evolución da actividade sísmica na zona de Laza durante as próximas semanas.

"Galiza non é unha zona na que poidan ocorrer terremotos catastróficos, pero tampouco se pode asegurar que nos próximos días non se produzan sismos maiores que o da madrugada da sexta feira en Laza", remarcan.

Ás 00:35 horas da sexta feira rexistrouse un sismo de magnitude 3,9 con epicentro en Laza e que se sentiu en toda Galiza. Foi o máis forte rexistrado na Galiza nos últimos 25 anos.