Un sismo de magnitude 3 con epicentro en Mondariz faise sentir no suroeste do país

A estrela vermella marca o epicentro do terremoto. (Mapa: IXN)
"A xente percibiu con bastante claridade o tremor, pero non foi máis aló", afirma o alcalde deste municipio, Xosé Emilio Barros.

O municipio de Mondariz, na comarca do Condado, sentiu na noite desta cuarta á quinta feira un tremor de terra que, segundo as informacións transcendidas até o momento, non deixou constancia de maiores consecuencias. O tremor, de magnitude 3, fíxose notar en máis dunha vintena de concellos da zona, segundo recolle o Instituto Nacional Xeográfico no seu último balance. Concretamente, rexistrouse ás 00.25 horas, a 20 quilómetros de profundidade.

En declaracións á axencia Europa Press, o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, explicou que varios veciños e veciñas comentaron que sentiran o terremoto, mais á primeira hora desta quinta feira non tiñan constancia de que houbese consecuencias materiais ou persoais de relevancia.

Sexa como for, aínda ao longo desta xornada comprobarán se o municipio sufriu algunha consecuencia deste tremor de terra, que se rexistrou entre as parroquias de Sabaxáns e Gargamala, situadas ao norte de Mondariz e próximas á serra do Suído.

"A xente percibiu con bastante claridade o tremor, pero creo que non foi máis aló", explicou o rexedor. El mesmo percibiu o movemento da terra, malia que nun primeiro momento, como estaba a chover, non soubo identificar se podería tratarse dunha tormenta. "Afortunadamente, non pasou a máis", subliñou.

Segundo a información actualizada do INX, o sismo, alén de en Mondariz, tamén se puido sentir en Salceda de Caselas, Pazos de Borbén, Soutomaior, Fornelos de Montes, Ponteareas, Covelo, Salvaterra de Miño, As Neves, Salceda de Caselas, Ponte Caldelas, Arbo, Redondela, Vigo, Nigrán, Redondela, Mos, Marín, Poio, Cerdedo-Cotobade, Pontevedra e Vilaboa.

Ao longo deste mesmo mes rexistráronse outros cinco pequenos terremotos con epicentro nas localidades de Muros, Tiacastela, Becerreá, Trasmirás e Soutomaior. O de maior magnitude (2,6) foi o que sacudiu a costa de Muros o pasado día 20.