Terremoto de magnitude 3,5 con epicentro en Laxe

Sentiuse con diferentes intensidades, en Vimianzo, Oza-Cesuras, Camariñas, Zas, Cabana de Bergantiños, Ponteceso, Coristanco, Santa Comba, Fisterra, Boiro, ou Muros.

O Instituto Xeográfico Nacional rexistrou un tremor de terra de magnitude 3,5 na escala Richter con epicentro na localidade de Laxe, na Costa da Morte, aínda que non hai constancia de danos persoais nin materiais.

O  tremor tivo lugar na tarde desta terza feira e, segundo informou o  CIAE-112 Galiza, varios veciños chamaron a Emerxencias ao notar o terremoto, tanto en Laxe como noutros concellos como Muxía, Ponteceso e Santa Comba.

Segundo publica o Instituto Xeográfico Nacional, o sismo produciuse ás 19:23 horas (hora peninsular), con epicentro en Laxe, e sentiuse con diferentes intensidades, en Vimianzo, Oza-Cesuras, Camariñas, Zas, Cabana de Bergantiños, Ponteceso, Coristanco, Santa Comba, Fisterra, Boiro, ou Muros, entre outras localidades.

O 112-Galiza sinalou que, a pesar das "chamadas informativas" dos veciños que notaron o tremor, non hai constancia "nin de danos persoais nin materiais".

O pasado mes de novembro na Galiza rexistráronse diferentes terremotos, desta volta no norte do país, na costa cantábrica. Houbo sete terremotos no Cantábrico en 3 días.

Segundo os dados do Instituto Xeográfico nacional nos últimos días producíronse 3 sismos na Galiza. Ademais do de Laxe, esta terza feira ás 19:30 houbo un sismo de 2,6 en augas do Cantábrico, fronte ás costas galegas. E o domingo rexistrouse outro movemento, de 1,8 na escala Ritcher, en Vilanova de LOurenzá.