Un terremoto de 4,4 rexistrado no Cantábrico déixase notar no norte da Galiza

En vermello, a localización do epicentro.

O Instituto Xeográfico español rexistrou na mañá da sexta feira, día 29, un sismo de magnitude 4,4 no mar Cantábrico, á altura de Viveiro, que se sentiu en varios puntos da Galiza.

Un terremoto de 4,4 rexistrado no Cantábrico sentiuse en varios puntos da costa norte da Galiza. Localizouse "a uns 50-60 km da costa ao norte de Cariño", explica a sismóloga de garda do Instituto Xeográfico español.

Tivo lugar, segundo os datos do citado organismo, ás 6.32 horas da mañá, a unha profundidade de 10 quilómetros, na localización 44.3364,-7.9449, e a unha distancia de 1.926,9 quilómetros.

A pasada cuarta feira, o citado instituto rexistrara outro movemento de terra, na mesma zona, de menor magnitude, 2,4.

O movemento puido apreciarse alén do litoral, segundo informaron o instituto varias persoas. Tamén nas redes sociais, usuarias e usuarios deron conta do terremoto: “Sentino perfectamente durante uns 5 segundos en Lugo cidade”, advertían.

Toda a Mariña, mais tamén Arteixo, A Coruña, Ferrolterra... e outros puntos como As Pontes, Vilalba, Carballo, Betanzos e mesmo Compostela notaron o movemento sísmico.

O 112 indicou que no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galiza rexistráronse varias chamadas desde A Coruña, Oleiros, Valdoviño, Irixoa, Cervo, Viveiro, Ferrol e Lugo en relación con este terremoto; con todo, gran parte das localidades afectadas aseguraron que non se rexistrou ningún tipo de incidencia.

De feito, o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras comentou, en declaracións a Europa Press, que "foi máis o susto que outra cousa, como se viu en redes sociais". "Non se rexistrou ningunha incidente. De feito comprobamos as dúas zonas de centro histórico, tamén a de Espasante, e tampouco se notificou nada", explicou o rexedor.

Testemuños

Pola súa proximidade ao epicentro, a área de Ferrolterra foi unha das zonas nas que máis se deixou sentir o sismo. "Ao redor das 6,30 horas sentín que a cama se movía; non chegou a desprazarse pero si se movía bastante", explica Isabel, traballadora da Escola de Especialidades Antonio de Escano de Ferrol.

Pese ao "susto inicial", Isabel Blas recoñece que por un momento pensou que o soñou, xa que, na súa casa, foi a única en sentilo. O mesmo pensou un médico veciño de Oleiros que, após espertar co tremor, pensou que "non podía ser", polo que "deu a volta na cama e volveu durmir".

A Alba Vázquez, auxiliar de enfermaría no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), si a espertou o terremoto en pleno centro da cidade herculina, onde reside. "Espertei porque se movía a cama, e tamén espertou a miña cadela. Ademais, fechouse unha porta de golpe, así que debeu de ser forte", asegura.

O mesmo narra Marta Carro, de Tabeaio (Carral), que recoñece, como os demais, que a situación foi algo "surrealista". "Espertei porque se empezou a mover a cama e a lámpada, e tamén unhas medallas que teño colgadas. Foi estraño, pensei que o estaba soñando pero mirei o mobil a ver se o soñara e xa vin en Twitter que todo o mundo puña que acababa de haber un terremoto", explica.

Trátase do maior terremoto sentido na Galiza desde 1997

Trátase do maior terremoto sentido na Galiza desde 1997, cando tivera lugar en Triacastela, cunha magnitude de 5,1.

O pasado 21 de maio rexistrárase o maior movemento de terra do ano, con epicentro en Laza e magnitude de 3,9 graos. Fora o máis forte dos máis de 50 sismos sentidos durante eses días na comarca de Verín.