Un tremor de 3,9 con epicentro en Laza séntese no resto da Galiza

LAZA
O de Laza é o maior sismo rexistrado na Galiza nos últimos 25 anos. Tamén entre a quinta e a sexta feira deixáronse sentir movementos de terra en Vilar de Barrio e en Soutomaior.

Segundo informa o Instituto Xeográfico Nacional, ás 00:35 horas desta sexta feira vén de se rexistrar un sismo de magnitude 3,9 con epicentro en Laza e que se sentiu en toda Galiza. Este é o máis forte dos máis de 50 rexistrados nos últimos días nesa zona e o máis forte na Galiza nos últimos 25 anos.

Aquel, 1997, foi en Triacastela e tivera unha magnitude maior, de 5,1 na escala Richter. O tremor esta noite pasada con epicentro en Laza deixouse notar en diferentes comarcas da Galiza.

Só desde a noite da quinta feira e até a madrugada da sexta rexistráronse 13 sismos, o de maior magnitude de 3,9 graos.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias tivo constancia do feito mediante a chamada dos membros de Protección Civil de Xinzo de Limia, que aseguraban, ademais de sentir o sismo, recibir chamadas doutros veciños e veciñas para relatarlles o sucedido.

O 112 lembra que o pasado sábado tamén foi informado doutros dous movementos de terra de magnitude 3,4 con epicentro en Laza, que tampouco causaron danos.

Sismo en Vilar de Barrio e Soutomaior

Por outra banda, o Instituto Xeográfico Nacional rexistrou nas últimas horas un movemento sísmico de magnitude 3,4 con epicentro no municipio de Vilar de Barrio, que foi percibido en numerosos concellos do sur da Galiza.

Tamén tivo lugar un pequeno sismo en Soutomaior, ás 23.05 horas, de 1,7 graos e con epicentro no Rial.

Máis dunha semana con terremotos

Desde a pasada semana na comarca de Laza rexistráronse máis de medio cento de tremores.

Segundo os datos de Instituto Xeográfico Nacional, desde o mediodía da terza feira desta semana até a mañá da cuarta producíronse na área 20 movementos sísmicos, 17 deles en Laza, 1 en Sarreaus e 2 en Vilar de Barrio.

As intensidades destes últimos sismos oscilaron entre a magnitude 1,5 e os 3,2 graos.

Esta zona non deixou de tremer nos últimos días, nos que a área de Laza rexistrou ducias de pequenos tremores, 51 desde a pasada quinta feira, cando se rexistrou o primeiro movemento, de 2,8 graos, en Laza.