Desde 1968 ardeu unha superficie equivalente a 55% do país

Terra queimada: 1,6 millons de hectáreas

En ningún territorio do Estado español a incidencia dos lumes é tan poderosa como na Galiza. Éo agora, no presente, mais tamén é así desde hai máis de 40 anos, cando comezou a sistematizarse o estudo destas catástrofes e principiou o proceso de análise estatística nun marco supranacional. A conclusión é un segredo a voces: Galiza sofre como ninguén as consecuencias dos incendios. Eis un extracto do publicado no Sermos Galiza 252.

A estatística que elabora cada ano o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente reflicte a traxedia que para Galiza veñen supoñendo os lumes no último medio século. Así, hoxe sábese que desde o ano 1968 ardeu unha superficie equivalente a 55% do país, isto é, 1,6 millóns de hectáreas das 2,9 millóns que conforman o territorio galego. As cifras son estarrecedoras. Ben é certo que na última década os efectos dos incendios se reduciron sensibelmente, mais, con todo, Galiza segue a liderar este dramático ranking.

 

As causas deste desastre ecolóxico –e non só, pois hai que contar as vítimas persoais e os danos patrimoniais– son ben coñecidas e os sucesivos planeamentos para combater a lacra non foron quen de lle dar unha solución óptima. A irregular e moitas veces difusa xestión do monte, unida ás dificultades para desenvolver e complementar as leis, manteñen a Galiza na cimeira dos territorios afectados polas gadoupas dos incendiarios. O último exercicio do que se dispoñen dados provisionais, aínda non publicados pola Xunta de Galiza –que adoita facelo no marco do Plan de Prevención e Defensa contra os incendios forestais de Galiza, o Pladiga–, volven situar o país como o territorio máis afectado: 21.112 hectáreas de monte arderon ao longo do pasado ano, moi lonxe das 9.062 de Castela e León ou das 6.913 da Comunitat Valenciana, as seguintes nese podio do desastre.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 252, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]