O actual modelo de produción e consumo, insostíbel: o planeta xa esgotou todos os recursos dispoñíbeis para 2022

A organización WWF insta os líderes mundiais a operaren "dentro dos límites ecolóxicos" do planeta. (Foto: Nicola)
Catar consome cada ano os recursos equivalentes a nove planetas Terra, por volta dos cinco dos EUA ou os 2,8 do Estado español, que acabou cos recursos de todo o ano o pasado 12 de maio, dúas semanas antes que en 2021.

Os recursos naturais dispoñíbeis para todo o ano 2022 esgotaranse esta quinta feira, 28 de xullo, no coñecido como Día da Sobrecapacidade da Terra. Desde entón, e até o remate do ano, o planeta ficará en 'números vermellos', segundo vén de denunciar WWF.

Para facer fronte ao consumo actual, apunta a ONG, precisaríanse "1,75 planetas Terra". Esta cifra varía de forma significativa en función de cada Estado: mentres os recursos consumidos polos países en vías de desenvolvemento son acordes aos dispoñíbeis, outros como Catar —9 planetas—, os EUA —5,1— ou o Estado español —2,8— abranguen a meirande parte deles.

Isto supón que, en pouco máis de 200 días, a sociedade mundial esgotou o capital natural dispoñíbel para os 365 días do ano, o que supera en 74% a capacidade dos ecosistemas para rexenerarse.

No que atinxe ao Estado español, entrou en débeda co planeta o pasado 12 de maio, unha data 13 días anterior á de 2021. Neste senso, a ONG observa "con preocupación" que a data segue a adiantarse, tanto a nivel estatal como internacional.

Operar dentro dos "límites ecolóxicos"

O Día da Sobrecapacidade da Terra é a data na que a demanda de recursos e servizos ecolóxicos da humanidade nun ano concreto supera o que a Terra pode rexenerar nese mesmo ano.

Esa data é calculada pola Global Footprint Network, unha organización de investigación internacional que ofrece aos 'tomadores de decisións' un "menú de ferramentas" para axudar a economía humana a operar dentro dos límites ecolóxicos da Terra, analizando a evolución mundial de dous parámetros: a biocapacidade, ou capacidade de rexeneración biolóxica, e a pegada ecolóxica, isto é, a nosa demanda de recursos.

O director de conservación de WWF no Estado español, Enrique Segovia, destacou que esta data lembra que o modelo actual de produción e consumo é unha das principais causas da destrución da natureza e a crise climática, polo que urxe os líderes mundiais a abordaren "con urxencia e valentía" as medidas precisas para reverter a situación. "Todos podemos axudar a deter o déficit ecolóxico tomando mellores decisións na nosa vida diaria", salientou.