OURENSE

O termalismo, máis aló dos baños

[Imaxe: cedida] Lavadoiro de Ourense, con auga termal

No centro histórico da cidade de Ourense sitúanse as Burgas, un conxunto de fontes de auga termal con baños abertos ao público. Ao seu carón, agochado hai 40 anos no baixo da praza de abastos, existe tamén un lavadoiro cunha peculiaridade: utiliza auga termal. A pesar desta característica, no actual proxecto de reforma da praza non se contempla este lavadoiro, polo que será derrubado. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 331 de Sermos Galiza.

“É paradoxo que algo tan especial coma un lavadoiro destas características non se poña en valor, e ademais na suposta capital termal de Galiza”, afirma Paco Paz, director do documentario Memoria na pedra, xunto con Lucien Petitjean. “Eu creo que é moi salientábel que haxa un lavadoiro termal nunha cidade, que aínda se empregue, que practicamente a cidadanía non saiba que existe e que vaia desaparecer. Nós fixemos este documentario pensando que quizais eran os derradeiros meses deste espazo”.

 

Este lavadoiro, antigamente situado nas beiras do río Barbaña, desprazouse ás Burgas para aproveitar a auga termal, o que permitía ás lavandeiras deixar de utilizar a auga fría do río para lavar. Ademais, mellorouse unha estrutura que estaba danada e que obrigaba estas mulleres a lavar axeonlladas. Todo este proceso foi promovido por outra muller: Celsa Porto.

 

Hoxe en día, como manifesta Fernando Valcárcel, membro do Arquivo Visual Ourensán, “parece que non ten moita demanda; pero á marxe do tema especulativo, etnográfico e da funcionalidade do servizo e da propia instalación, poderíase converter nun museo ou ofrecer un tipo de estrutura compatíbel coa instalación actual”. Ademais, critica, en declaracións a este medio, “na cidade non hai unha verdadeira explotación do termalismo, que non se limita aos baños. O termalismo en Ourense hoxe en día é algo residual, case inexistente, sendo unha potencia mundial”.

 

A cara oculta do termalismo

 

O documentario Memoria na pedra, que se iniciou para poñer en valor este patrimonio, foi gañador do primeiro premio no VIII Certame de Curtas da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). Non obstante, tamén se presentou no Festival de Ourense, no que foi descartado e, polo tanto, non se exhibiu.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 331 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]