Folga en Atención Primaria: convocantes falan dun "bo seguimento" que o Sergas reduce a 12,7%

CS O Ventorrillo, A Coruña.

Cuarta e quinta feira, convocada pola Asemblea de Áreas Sanitarias, que denuncia a “sobrecagra” e o “deterioro” no servizo. A Consellería de Sanidade afirma que a folga na mañá desta cuarta feira está a ser secundada por 12,7% do total do persoal chamado ao paro. Porén, desde as convocantes destacan que a greve está a ter "un bo seguimento". Así, cifran que está a ser secundada por 83% persoal na área de Vigo, 60% na de Ourense, 47% na da Coruña, 35% na de Compostela e 33% na de Lugo. 

A Asemblea de Áreas Sanitarias da Galiza chama as e os profesionais de Atención Primaria a participar na folga convocada para hoxe e mañá, 27 e 28, para reivindicar "medios e tempo" para poder facer "ben" o seu traballo.

Baixo a lema 'Por unha Atención Primaria digna', no marco das dúas xornadas de greve están previstas concentracións esta cuarta feira ás 12,00 horas no centro de saúde Concepción Arenal en Santiago; ás 12,30 horas en centros de saúde de Neda e Cedeira; ás 12,00 horas no de Viveiro; ás 19,00 horas no CS Virxe Peregrina en Pontevedra e ás 20,00 horas no Obelisco na Coruña, así como en centros de saúde locais de Vigo durante a xornada.

Mentres, a quinta feira 28 as concentracións están fixadas ás 12,00 horas no CS Ventorillo na Coruña; ás 12,00 horas no CS Rosalía de Castro en Vigo, así como noutras localidades de Pontevedra. A elas súmase outra mobilización ás 17,30 horas desde o Novoa Santos até San Lázaro en Ourense e unha mesa informativa en Santiago de 17,30 a 18,30 horas na Praza do Toural.

Entre as reivindicacións: un límite de 30 pacientes por día en consulta; unha xerencia de xestión de Atención Primaria; un orzamento para este nivel asistencial de 25% do total; cobertura de 100% das substitucións, a OPE de todas as vacantes de todas as categorías e unha atención homoxénea nas áreas, con mesmas derivacións e acceso a probas diagnósticas.

"Só co conflito a Atención Primaria pode cambiar", afirmou o médico Moncho Veras para chamar as e os seus compañeiros médicos á mobilización, a terceira que convocan este ano neste nivel asistencial.

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos na Galiza (CESM) expresou, nun comunicado, o seu apoio ás demandas expostas pola Asemblea de Áreas Sanitarias .

Seguimento

A Consellería de Sanidade afirma que a folga na mañá desta cuarta feira está a ser secundada nos centros asistenciais de Atención Primaria por 12,7% do total do persoal chamado ao paro. Porén, desde as convocantes destacan que a greve está a ter "un bo seguimento". "Para ser a terceira folga nun ano na área de Vigo e a segunda na galiza, o seguimento aumentounalgunhas zonas, manteuse noutras e caeu en varias". Así, cifran un seguimento de 83% na área de Vigo, 60% na de Ourense, 47% na da Coruña, 35% na de Compostela e 33% na de Lugo.