BEA HERVELLA, METEORóLOGA

"Ter un verán bon ou malo non inflúe noutras estacións. A atmosfera non ten memoria"

Bea Hervella [Imaxe cedida]

A meteoróloga Bea Hervella achéganos a predición para este outono despois dun verán que, recoñece, "temos a impresión de que foi raro".

 

A meteoróloga de 4gotas, Bea Hervella, avánzanos que o tempo se tornará inestábel nos vindeiros días mais asegura que as predicións apuntan cara á unha estación "típica" de outono. Aliás, advirte, estes dados deban ser recollidos "con reservas". 

Comezou xa o outono?
Oficialmente comezou a terza feira (23 de setembro) mais desde o punto de vista meteorolóxico aínda se resiste. Seguiremos véndonos influídos polas borrascas e a partir de xa comezará a inestabilidade. Teremos unhas temperaturas agradábeis nas vindeiras semanas mais con presenza de treboadas. 

Foi este un verán atípico?
A impresión que temos como cidadáns é que foi un verán raro. Eu mesma como persoa, e non como meteoróloga [ri] tamén a teño. Porén, as temperaturas non foron anormais. Iso si, foi un verán chuvioso. Non tanto en agosto mais si nos meses de xuño e xullo. Asemade, este ano non conseguimos acadar temperaturas extremas nen nos puntos máis altos nen nos máis baixos. De feito, Ourense --que está considerado o caldeiro de Galiza-- non chegou a superar, nen en agosto, os 37 graos de media. Hai estudos científicos que apuntan cara ao cambio climático como un dos feitos que poderían estar detrás destes veráns atípicos ao facer menos frecuente o vento de nordés. 

Será entón este un outono raro?

Ter un verán bon ou malo non inflúe noutras estacións. A atmosfera non ten memoria. Asemade, as predicións meteorolóxicas que se poidan facer polo de agora non son tampouco moi fiábeis. No entanto, desde o Estado español dise que este outono vai ser típico, con temperaturas dentro da media. Desde os EUA coinciden en que será normal mais que pode ser chuvioso, sobre todo cara ao final, no mes de decembro. Iso si, hai que coller estes dados con reservas. 

"Eu mesma teño a impresión de que este foi un verán raro"

Cando é o mellor momento para fiarse das predicións?

Depende da situación meteorolóxica. De feito, vimos dunha etapa moi difícil para nós por mor da borrasca que se situou en Galiza durante as últimas semanas. A miña recomendación é seguir as predicións meteorolóxicas --que son bastante fiábeis a cinco días vista-- e despois preguntarnos a nós. 

Facía falla un servizo como o que ofrecedes desde 4gotas?
Cremos que si, por iso o creamos [ri]. Tamén os usuarios o cren pois temos moitísimas preguntas que nos fan chegar através das redes sociais, Facebook e Twitter, onde contamos xa con máis de 8 mil seguidores. Coido que responde á necesidade que temos de obter información. 

Achégase unha data importante coas Festas de San Froilán, que tempo nos acompañará na primeira semana de outubro?
Fican varios días [as festas son do 4 ao 12 de outubro] aínda mais a tendencia polo de agora é a unhas noites e madrugadas frías con temperaturas bastante altas durante o día, aínda que poderán combinarse con algunha treboada.