Simón Pardiñas: "Ter periodontite aumenta por oito a posibilidade de ingresar en UCI"

O doutor Simón Pardiñas
O especialista en odontoloxía, o doutor Simón Pardiñas, comenta en conversa con Nós Diario as consecuencias da Covid-19 na saúde bucodental

— Como afectou a Covid á saúde bucodental da cidadanía? 
Coa obrigatoriedade do uso da máscara as persoas tenden a respirar máis pola boca, o que produce sequidade bucal. A saliva é o primeiro axente de defensa que temos fronte aos virus e sen a cantidade adecuada, pode derivar a un maior problema de caries e inflamación das enxivas. 
A nivel psicolóxico a pandemia causou unha situación de estrés, alteración e falta do sono. Esta crea tensión muscular na cara que pode derivar en bruxismo, que é o ‘rinchar’ dos dentes durante a noite. As consecuencias desta secuela pode chegar a romper pezas dentais, que é algo que temos visto bastante nesta época. 

—E que implicacións na saúde bucodental ten o virus?
Ademais das chagas e inflamación de enxivas e lingua; os problemas que máis se dan con esta enfermidade –calcúlase que ao redor do 50% dos pacientes– é a perda de olfacto (anosmia) e gusto (ageusia). 

—Por que acontece isto? 
Porque os receptores das células da boca e garganta teñen unha gran afinidade polas do virus da COVID, o que fai que se replique con máis facilidade nestas zonas, causando fallos ou morte das células que forman os nervios que transmiten esas sensacións ao cerebro.


—Que secuelas se están a ver máis no país e como as tratan? 

Os problemas de bruxismo son os que estamos a ver máis. O tratamento recomendado sería a ortodoncia, para aliñar os dentes e establecer unha forma da mordida axeitada, pero en caso de non optar por esta opción máis permanente, pódense fabricar unhas férulas que se poñen de noite para evitar que o roce das pezas derive na súa rotura e protexa a articulación da mandíbula.
Tamén tivemos casos de persoas con chagas bucais, pero non son tan numerosos.

— Existe algunha patoloxía bucodental que cause problemas se se padece Covid-19? 
Si, as inflamatorias. Estase a ver que ter unha periodontite –inflamación por bacterias das enxivas – pode causar unha peor reacción do corpo, xa que esta súmase a inflamación que crea o virus da Covid en todo o corpo. Hai pouco publicaron un estudo que relacionaba as enfermidades periodontais coa Covid e sostiñan que estas podían aumentar por oito o ingreso en UCI e por catro a necesidade de precisar ventilación asistida.  

—Que consellos podería dar para evitar isto? 
Hixiene e hidratación. Coa sequidade bucal que crea o uso da máscara debemos beber moito máis para non ter problemas coa saliva e manter a hixiene de tres lavados dos dentes ao día. Ademais, facer revisións periódicas cada seis meses e as persoas que acaban de pasar a Covid, que acudan ao seu especialista para revisar o estado das pezas e das mucosas. 
Ademáis, nas revisións pódense notar síntomas, como lesións na lingua e nas enxivas, nas persoas que estean a pasar pola enfermidade e non se decaten. 

— Traballando tan preto da persoa, que tipo de protección extra deben utilizar? 
Xa viñamos dunha mentalidade de que todos os pacientes poden ter calquera enfermidade contaxiosa e agora reforzamos esa idea. Previa a cita facemos unha enquisa telefónica co paciente para comprobar que non teña ningún síntoma asociado á Covid ou estivera en contacto con algún positivo. Xa na consulta, nós protexémonos con EPI, máscara dobre e guantes. O cliente dámoslle unhas calzas, gorro, bata e pedímoslle que utilice un colirio bucal feito a base de auga osixenada diluída, xa que é o método máis efectivo para matar o virus. Alén, temos moito coidado coa ventilación e con todo o que estea da nosa man para evitar contaxios. 

—A súa Clínica Médico Dental Pardiñas ten unha canle de Youtube.
Si, levamos sobre sete anos con ela e en 2020 fomos a canle máis vista do mundo dental na plataforma. Nela explicamos aos pacientes mediante animacións 3D os procedementos e enfermidades que teñen que ver coa odontoloxía e tamén temos unha sección onde resolvemos dúbidas que nos van formulando. Os vídeos tradúcense en varios idiomas, incluído o galego, e estamos moi contentos de poder contar con esta repercusión que supón ter mis de 250.000 subscritores. 
Enfocado á temática da Covid, publicamos un vídeo, orientado tanto para os profesionais e a cidadanía en xeral, onde explicamos a facilidade do contaxio do virus polas micropartículas de saliva e as precaucións que tanto pacientes como profesionais deben ter nas clínicas coa actual pandemia.