Tentan agredir un médico cun coitelo no Hospital do Salnés e sindicatos alertan das "graves eivas na vixilancia"

Hospital do Salnés. (Foto: Nós Diario)
Urxen unha reunión co Sergas e a actualización dos protocolos de seguridade ante a actual repunta de agresións no centro.

O sindicato FTSP-USO vén de denunciar o intento de agresión cun coitelo a un médico do Hospital do Salnés por parte dun home que exixía ser examinado.

Aliás, o paciente esnaquizou "o que atopou ao seu paso" na zona de recepción do servizo de Urxencias do complexo hospitalario.

O sindicato puxo de relevo que no momento dos feitos "un único vixiante de seguridade estaba de servizo" e este, xunto co resto do persoal, "só puido refuxiarse até a chegada de varias patrullas dos Corpos de Seguridade do Estado".

Após reducilo a Policía, o home foi sedado e pasou a noite en Urxencias, para posteriormente ser trasladado ao Hospital de Pontevedra.

Advirten dunha "repunta" de agresións no centro e urxen medidas por parte do Sergas

Desde FTSP-USO insisten en que xa advertiron en diferentes ocasións das "graves deficiencias en número de efectivos de vixilancia" en toda a área sanitaria e do risco que isto supón para a seguridade de persoas usuarias e persoal sanitario.

Solicitaron tamén a actualización dos protocolos de seguridade e unha reunión co Sergas para abordar unha implementación de cadro e medios de defensa ante a actual repunta de agresións no centro.