"Tensa calma" nos cárceres galegos, sen positivos entre a poboación reclusa

Os cárceres suspenderon permisos e comunicacións pola pandemia. (Europa Press)
En situación de reclusión, as medidas restrictivas aplicadas para a contención da pandemia do coronavirus afectan de forma especial á poboación reclusa, que estas semanas viu aínda máis limitadas as súas vías de contacto co exterior a causa dos protocolos para evitar que o virus entre nos centros penitenciarios.

Sen persoas afectadas polo coronavirus entre a poboación reclusa e coa incidencia entre o persoal –sete casos, detectados todos eles antes da declaración do estado de alarma, e afastados todos dos seus postos desde entón, segundo indican fontes sindicais–, os centros penitenciarios galegos afrontan con "tensa calma" a situación de emerxencia sanitaria, que isola aínda máis as persoas recluídas. 

A descripción faina Antonio Otero, traballador no cárcere de Teixeiro, Curtis, e delegado da CIG, quen destaca a "gran dose de responsabilidade dos internos e do persoal para que o virus non entre", dado o alto risco de expansión nun espazo pechado, cunha alta densidade de poboación e cunha alta taxa de persoas vulnerábeis ao contaxio.

Para evitalo, Institucións Penitenciarias está a aplicar unha serie de medidas que restrinxen de forma drástica o contacto dos e das reclusas co exterior, ao  terse suspendido tanto permisos como visitas –salvo "forza maior"–, así como talleres produtivos con persoal externo e toda actividade que prestan diferentes ONG. 

En contraprestación, os centros están a ampliar as chamadas telefónicas das persoas internas, especialmente cos servizos letrados pero tamén coas familias, e comezaron a implantar un sistema de videochamada, accesíbel previa solicitude e valoración do centro, cunha duración máxima de dez minutos

Para facilitar estas comunicacións, Institucións Penitenciarias distribuíu nos centros do territorio estatal un total de 205 teléfonos, dous na prisión de Teixeiro, que conta cuns mil internos. "Para unha poboación total de 50.000 persoas, a medida parece unha broma", censura desde o Observatorio Esculca Fernando Blanco, moi crítico coa "limitación de dereitos" que supoñen estas medidas de prevención do coronavirus nunha comunidade coma esta.

Como advirte, "as comunicacións son esenciais para unha persoa presa" e as limitacións adoptadas nos cárceres "optan pola vía máis sinxela", no canto de manter, canto menos, as comunicacións presenciais por locutorio, "organizativamente viábeis e que serían fundamentais"; da mesma maneira, a suspensión "radical" dos permisos penitenciarios motivada polo estado de alarma fai temer unha concesión "máis cauta" daqueles que se soliciten unha vez pasado o confinamento, dado que os que estaban concedidos, hoxe en suspenso, "no poden revocarse".

As carencias sanitarias das prisións

O observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades remitiu nas últimas semanas dúas solicitudes de información aos estamentos penitenciarios para coñecer os protocolos sanitarios concretos que se están a aplicar nos penais galego. Formuláronse en marzo, a raíz do primeiro caso positivo por Covid-19 dun traballador na prisión de Bonxe-Lugo, e en relación aos mecanismos de distanciamento social en "macroprisións" como a da Lama, para as que se reclama o cumprimento do principio de cela individual, cando menos entre as persoas máis sensíbeis ao contaxio. As respostas, que remiten aos protocolos xenéricos do estado de alarma, levan Esculca a pensar que os mecanismos "alónxanse das recomendacións do Comité de Prevención da Tortura –CPT– ou do Consello de Europa". 

Segundo confirman desde a CIG-Prisións, os penais galegos están a seguir un sistema de corentena "preventiva" polo que os reclusos que entran do exterior pasan 14 días nunha cela en solitario nun módulo específico.

Porén, malia o reforzo nas limpezas –incluídas as que realiza a Unidade Militar de Emerxencia, UME– e nas medidas hixiénico-sanitarias do persoal (máscaras e luvas), o responsábel da CIG recoñece que non se están realizando probas diagnósticas no persoal traballador a menos que se aprecien síntomas. "É un perigo, porque pode haber xente asintomática pero que si contaxie, mais non hai tests", admite.

Esculca remitiu tamén nos últimos días un escrito dirixido ao ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, para demandar reforzos sanitarios e a adopción das recomendacións da Organización Mundial da Saúde ou a CPT para garantir a saúde das persoas presas e evitar os contaxios.

"A sanidade penitenciaria xa está, en condicións ordinarias, moi por debaixo da que recibe unha persoa en liberdade", apunta Blanco, que alerta de que as carencias non se están a resolver malia a excepcionalidade deste tempo. Un exemplo está na "inexistencia de médico por vacante dos postos" detectada no día previo ao anuncio do estado de alarma no penal de Teixeiro, que deu lugar a unha queixa urxente de Esculca perante o Defensor do Pobo, admitida a trámite recentemente. 

Campaña social pola excarcelación durante a crise sanitaria

Esculca é unha das entidades sociais que esta semana lanzaron a campaña #DDHHENPRISIÓN #COVID19 para promover o respecto aos dereitos fundamentais nos cárceres no estado de alarma e chamar ao Goberno estatal a adoptar medidas de liberación de persoas presas, tal e como recomenda a OMS e mesmo a alta comisionada da ONU para os dereitos humanos, Michelle Bachelet, e que se están a seguir en países como Portugal.

"Máis alá das medidas de prevención que se estabelezan nas prisións, a primeira debería ser que o número de persoas internas sexa o menor que permite a lexislación", observa Fernando Blanco, quen apunta que a única acción neste sentido no territorio estatal está a ser entre as persoas que cumpren terceiro grao penitenciario, en réxime de semiliberdade, ás que se lles está a permitir  durmir na casa.