Un establecemento de Vigo trata de impedir o acceso a unha menor con discapacidade por non levar máscara

Sonia Falcón conta a Nós Diario o "desprezo" co que foi tratada a súa filla, menor de idade e cunha parálise, nunha tenda dun centro comercial vigués. 

A filla de 13 anos de Sonia Falcón ten parálise cerebral e a pasada sexta feira saíu da súa casa en Fornelos de Montes coa familia por primeira vez desde que comezou o confinamento polo coronavirus. Foron de paseo a Vigo e decidiron entrar nun centro comercial próximo ao Náutico. O último que pensaban era que nesa visita rematarían tendo que chamar á Policía.

"Fixemos valer os dereitos da nena", conta a Nós Diario Sonia Falcón, quen lembra que nada máis cruzar a porta do estabelecemento de Media Markt foron detidos polo garda de seguridade, quen lles recriminou que a nena tiña que levar a máscara de protección dentro do local.

Cun "95% de discapacidade" recoñecido, esta menor non está obrigada a levar a máscara. A nai explica que antes de entrar comprobaron que "se había dous clientes dentro, había moitos" e destaca que nese momento a rapaza non ía na súa cadeira de rodas porque saíran, precisamente, para que "camiñase un pouco". Porén, levaban consigo o certificado de discapacidade. 

Na Orde SND/422/2020, do 19 de maio, publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) na que se regulan as condicións para o uso obrigatorio das máscaras de protección durante a crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19, recóllese que contan coa "excepción" desta obriga "aquelas persoas que presenten algún tipo de dificultade respiratoria que poida verse agravada pola utilización da máscara e aquelas cuxo uso se atope contraindicado por motivos de saúde ou discapacidade".

"Desprezo" cara á menor

O garda de seguridade derivou a consulta sobre o acceso da menor á xerente que, segundo traslada Sonia Falcón, mantivo unha actitude "altiva" e de "desprezo" cara a súa filla en todo momento. "Foi a vexación que lle fixo á nena porque nin sequera tivo a dignidade de mirala, nin de mirarme a min á cara", salienta. 

A xerente insistía en que o protocolo da tenda recolle que o acceso é con máscaras e non atendeu ás explicacións dos pais sobre as exepcións que recolle o BOE. Así, ofreceulles a posibilidade de que fosen atendidos fóra da tenda. "Como se fósemos animais", apunta esta nai.

Por iso, a familia chamou á Policía Local de Vigo para "facer valer os dereitos" da pequena. Tal e como relata Falcón, dous axentes se personaron no lugar e coincidiron cos argumentos expostos pola súa familia, que xa pedira a folla de reclamacións. 

"Mesmo os policías estaban alucinando". Os axentes informaron á xerente da tenda de que estaba a incumplir as normas e esta alegou que non era "avogada" e non tiña por que coñecer esa instrución. Mais, finalmente, deixou entrar á familia coa pequena. 

Queixa en Consumo

"Eu xa non quería entrar pero foron os policías os que me dixeron que agora tiñamos que entrar e percorrer a tenda coa cabeza alta", rememora Sonia Falcón, que xa rexistrou unha queixa na oficina de Consumo do Concello de Vigo sobre esta hora e media que cualifica de "horríbel". 

"Había mil maneiras de facer isto, podes pedir perdón e dicir que non sabías como era a norma. Que estás desbordada de protocolos... Non sei, pero é a que nós nin nos falaba. Só falou cos axentes", sinala sobre a responsábel deste Media Markt vigués. A empresa trasladou a Nós Diario que "inmediatamente" lle foron trasladadas as desculpas a esta familia e que lembráronlle ao persoal das súas tendas os protocolos "para evitar que volva suceder un incidente similar".

"O bo de todo isto é que a pequena non se entera do que pasa. Como di o meu marido, mentres haxa pais para defendela ninguén se vai rir da nena", asegura Falcón. 

 

*Na primeira edición desta información figuraba que a empresa non respostara a Nós Diario, mais xa fica actualizado o texto coa réplica de Media Markt.