Ten relación a proliferación de eucaliptos coa seca?

O Pedregal de Irimia, nacente do Miño, rodeado de eucaliptais. (Imaxe: Adega)

Adega vén de dirixirse a Augas da Galiza e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil co fin de que estuden a incidencia da proliferación e monocultivo de eucalipto na situación de seca que atravesa o país.

A asociación ecoloxista quere que tanto o Goberno galego como o español analicen se a proliferación de eucaliptos ten algunha relación coa seca que sofre a Galiza. “Disto non se fala e pode ser determinante”, advirte Adega, que sinala estudos que evidencian que o eucalipto consome entre 20 e 30 litros cada día.

“Se nunha hectárea caben como pouco mil eucaliptos e se estima que xa superamos as 500.000 hectáreas de superficie eucaliptizada, fagamos as contas”, anima Adega, que alerta de que mesmo na Galiza “a auga é un ben escaso e indispensábel e hai que tomar medidas urxentes para garantir o noso abastecemento presente e futuro”.

Foi identificando os factores que inflúen na escaseza, co fin de “adoptar solucións certeiras”, como Adega reparou no consumo de auga dos eucaliptos. “Restrinxir o consumo de auga nos concellos pode que sexa unha medida inevitábel ante a seca, mais non a única”, apuntan.

Nesta liña, Adega pregúntase polas consecuencias da eucaliptización na dispoñibilidade da auga? “Temos dereito a sabelo”, acrecenta a asociación ecoloxista, que carga contra a “plantación masiva” da especie, malia a moratoria, que, baixo o seu punto de vista, “non se está a facer cumprir por parte da Xunta”.

Así, a entidade galega pon de manifesto que seguen a plantarse eucaliptos en terras cultivadas ou agrícolas “onde a reconversión a eucaliptal pode diminuír nun 60% a dispoñibilidade de auga”.

A Agrupación de Enxeñeiros Forestais polo Bosque Nativo, de Chile, eleva a cifra de consumo de auga, “un só eucalipto de tres anos consome 20 litros de auga ao día... aos 20 anos, a árbore pode consumir até 200 litros”.

O Movemento Mundial Pelas Florestas Tropicais lembra que en Kenia recorreron aos eucaliptos para frear a deforestación e que a súa plantación masiva afectou gravemente os recursos hídricos. Agora, as autoridades avogan por prohibir a eucaliptización.

O eucalipto tamén se ten plantado para reducir os niveis de auga en zonas pantanosas, co fin de secar os solos.