A borrasca 'Louis' deixa rachas de vento de 118 km/h en Muras

Un home observa as ondas no litoral da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A neve complica a circulación en 70 estradas.

A borrasca Louis deixou esta sexta feira na Galiza rachas de vento de 118 quilómetros por hora en Muras (A Terra Chá) e provocou desprendementos de dous flotadores de bateas e de tellas na Coruña.

Así, segundo informou a Consellaría do Mar, na ría de Ares (Ferrolterra, Eume, As Mariñas, A Coruña) soltáronse dous flotadores de batea e até o lugar desprazouse Salvamar para retiralos. Os bombeiros da Coruña actuaron, no mediodía de onte, na rúa María Victoria Fernández polo desprendemento dunhas tellas. 

O vento tamén deixou rachas de 118 k/h no municipio de Muras e, en canto ás temperaturas, o mercurio alcanzou os -4,7 graos centígrados na Veiga (comarca de Valdeorras) cando aínda faltaban 20 minutos para as 8 horas, mentres que as máis altas rexistráronse en Pontevedra (13,9ºC), arredor das 14 horas.

O temporal costeiro provocou a suspensión da segunda xornada da liga de inverno J80 que se disputaría esta fin de semana en Baiona (comarca de Vigo). 

Volve a neve

Durante esta sexta fiera, a Galiza ficou nunha zona de chuvias que estiveron acompañadas, nalgúns casos, de sarabia e tormentas eléctricas. A isto engádese a chegada dunha masa de aire polar que fixo que algunhas destas precipitacións fosen de neve, situándose a cota arredor dos 700-800 metros.

Concretamente, a neve volveu con intensidade en boa parte das comarcas da Fonsagrada, Os Ancares, Sarria e Quiroga, e a Deputación de Lugo iniciou un operativo nas máis de 70 estradas provinciais ao seu paso por 11 concellos. Segundo informou a institución provincial, despregáronse 48 operarios e 32 máquinas e vehículos para facer fronte ás consecuencias do temporal nas estradas. A Deputación manterá activo o operativo, cando menos, durante toda a fin de semana. 

Os municipios máis afectados son Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz (comarca da Fonsagrada); Becerreá, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Cervantes (Os Ancares); Quiroga e Folgoso do Courel (comarca de Quiroga); e Samos (comarca de Sarria). 

Pola súa parte, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) recomendou circular con precaución na LU-633 desde Pedrafita do Cebreiro até o quilómetro 26, en Ramil, e tamén na A-6 ao seu paso por Pedrafita.