Choivas fortes e refachos de vento de máis de 80 quilómetros por hora manteñen a alerta amarela na Galiza

Forte ondada en Santa María de Oia. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Seguen rexistrándose incidencias polo paso da borrasca 'Béatrice' polo país.

O temporal non dá tregua na Galiza, que manterá esta cuarta feira e tamén a quinta a alerta amarela en distintas zonas do territorio debido a choivas fortes e ventos con refachos de máis de 80 quilómetros por hora.

Tras os centenares de incidencias rexistradas a fin de semana a causa do paso da borrasca Béatrice, seguiron rexistrándose problemas puntuais no país, malia que en menor medida —por exemplo, o corte da Avenida de Oza, na Coruña, após a caída dunha árbore—.

Na terza feira, no seu resumo de valores extremos, Meteogalicia concretou que en dúas estacións luguesas rexistráronse ventos que superan os 100 km/h. É o caso de Penedo do Galo, en Viveiro, que ás 13.40 horas medía ventos de 104,1 km/h, e da Pontenova, onde se rexistraban refachos de 102,6 km/h ás 13 horas.

En Punta Candieira, Cedeira, ás 15 horas alcanzáronse xeiras de 93,8 quilómetros por hora. No que atinxe ás choivas, a estación de Fornelos de Montes chegou a medir 35,3 l/m2.

Aviso para cuarta e quinta feira

Meteogalicia mantén aviso amarelo para varias zonas da Galiza esta cuarta feira. En concreto, no Suroeste e o Oeste da provincia da Coruña, a partir das 18 horas, agárdanse choivas localmente moi fortes, acumulando máis de 40 l/m2.

Outras zonas do país, como A Mariña, a Montaña de Ourense ou a de Lugo, veranse afectadas en diferentes franxas horarias por ventos con xeiras de máis de 80 km/h. Tamén haberá fortes ventos no mar nas Rías Baixas e Costa da Morte.

Esta quinta feira entre as 00 e as 3 horas o Suroeste e o Oeste da Coruña estarán igualmente en alerta amarela por choivas fortes, mentres outras partes do territorio, noemadamente na Mariña e as zonas de montaña, veranse afectadas por ventos fortes.