Menos vento, pero máis frío: o temporal remite na Galiza mentres as temperaturas descenden

Varias persoas camiñando sobre a neve en Pedrafita do Cebreiro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O descenso no volume de precipitacións favoreceu a baixada no nivel de caudal dos seis ríos que estaban en alerta por risco de inundación.

Os efectos do temporal remitiron nas últimas horas na Galiza, cun descenso no volume de precipitacións que favoreceu a baixada no nivel de caudal dos seis ríos que estaban en alerta por risco de inundación. Malia que continúa en seguimento, descendeu o caudal do río Ladra ao seu paso polos municipios chairegos de Vilalba, Begonte e Guitiriz, onde deixara inundacións esta segunda feira após as intensas choivas do domingo.

En Vilalba, a crecida do Madalena —afluente do Ladra— provocou o feche do paseo fluvial, que continúa acordoado por precaución a pesar de non estar xa asolagado, segundo trasladou Protección Civil. En Lugo, onde Concello e Policía Local decidiron fechar determinadas zonas da marxe do Miño, que tamén viu como baixaba o seu nivel grazas ao cesamento das choivas.

Tampouco se produciron inundacións no Mandeo e o Mendo ao seu paso polos concellos en Betanzos e Paderne, nin no Landro en Viveiro (A Mariña) ou o Ouro en Foz e Alfoz, na mesma comarca. Todos eles seguían á primeira hora desta terza feira en alerta por risco de inundación.

Circulación con normalidade nas estradas malia a neve

Despois dunha segunda feira na que as nevaradas causaron problemas nas estradas de zonas de montaña do interior do país, hoxe recoméndase unicamente "precaución" na estrada nacional paralela á A-6 que dá acceso á Galiza desde León. Alí, segundo trasladou a DXT, están prohibidos os adiantamentos pola acumulación de neve na vía, pero a circulación está normalizada.

Menos vento, pero máis frío

A remisión da borrasca déixase notar nos datos solicitados por Meteogalicia, que unicamente captaron unha xeira de vento superior aos 90 quilómetros por hora. Foi ás 4.50 horas en Manzaneda (Terra de Trives), onde se alcanzaron os 130 km/h.

Na costa, as condicións meteorolóxicas tamén se suavizaron, cun descenso da altura na ondada —picos de 4 metros en Sisargas e de menos de 3 na meirande parte do litoral—, e ventos por baixo do 70 km/h en Cedeira (Ferrolterra) ou na Coruña.

Con todo, os termómetros experimentaron un descenso, con varios puntos da Galiza en temperaturas mínimas que roldaron os 0 graos, limiar que se rebaixou en puntos altos como Xares (-5,4ºC) ou Cabeza de Manzaneda (-5,2ºC).