O temporal deixa máis dun centenar de incidencias na Galiza

O temporal deixou ondas de até catro metros de altura. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Os Bombeiros de Vigo tiveron que rescatar os pasaxeiros dun autobús que quedou atrapado pola auga na contorna de Balaídos.

O temporal deixou na mañá desta terza feira máis dun centenar de incidencias no conxunto da Galiza, ventos superiores aos 130 quilómetros por hora e ondas na costa de case catro metros de altura. Segundo informou o 112 Galiza, entre as 00 e as 8 horas rexistráronse un total de 122 incidencias por mor das fortes choivas que afectan o país.

Pontevedra foi a circunscrición máis castigada pola intensidade das precipitacións, con 82 incidencias rexistradas, seguida da Coruña (23), Ourense (13) e Lugo (4). As incidencias máis comúns, un total de 33, estiveron relacionadas con riscos de asolagamento e inundacións en vivendas.

Pola súa parte, as alertas relacionadas con obstáculos á circulación tales como terra e pedras foron 26, e os asolagamentos en estradas, con 19, tamén foron frecuentes ao longo da noite. Así mesmo, o 112 rexistrou até 16 avisos por bolsas de auga nas estradas galegas.

De entre todas as incidencias destaca a intervención que os Bombeiros de Vigo tiveron que realizar pasadas as 6.30 horas nas proximidades do estadio de Balaídos para evacuar a xente que se atopaba atrapada nun autobús de transporte público da cidade que se internou nunha zona alagada da que non podía saír.

Aliás, en Mondariz o desbordamento do río Tea provocou a inundación dalgunhas das casas da zona. Os Bombeiros de Ponteareas tiveron que achegarse até unha das vivendas do lugar, de dous pisos de altura, posto que había unha persona dentro que, nun principio, non podía saír. Finalmente, comprobaron que non tiña dificultades para abandonar a vivenda, polo que se retiraron sen ter que intervir.

Tal e como informou o 112 Galiza, outra incidencia repetida foi a inundación de sotos e garaxes, aínda que non houbo que lamentar danos persoais. Precisamente, en Gondomar, o 112 recibía pouco antes das 6 horas un aviso por unha garaxe na que había perto dunha decena de vehículos anegados.

Desde o 112, ao mesmo tempo, sinalaron que en parte da circunscrición de Pontevedra permanece activo un "episodio meteorolóxico adverso por fortes choivas", polo que se lembra que é importante extremar as precaucións.