O temporal dificulta o tráfico en máis dun cento de estradas no leste da Galiza

Quitaneves en Folgoso do Courel (Foto: Deputación de Lugo)

As intensas nevadas provocan espesores de até 30 centímetros e a formación de placas de xeo.

O temporal de neve dificultou a circulación en máis dun cento de estradas nas comarcas do oriente da Galiza e levou a manter do feche da OU-122, que discorre cara a Trevinca por Carballeda de Valdeorras, e a prohibición do acceso a parte da A-6 para camións, unha precaución que xa foi levantada.

Fontes da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) confirmaron a Europa Press que a OU-122 permanece cortada debido ao temporal de neve.

Así mesmo, a LU-633 permanece en nivel amarelo na zona de Pedrafita do Cebreiro, entre os puntos quilométricos 0 e 31, e a LU-530, en nivel verde. Con todo, non se rexistraron incidencias en estradas das provincias de Pontevedra e A Coruña.

Paralelamente, a Deputación de Lugo despregou un dispositivo na mañá de hoxe para atender as incidencias e garantir a seguridade nun cento de estradas da provincia situadas en 19 concellos.

Así, o dispositivo, composto por 96 operarios e 48 equipos, traballa en vías que discorren pola Montaña, Terra Chá e a zona sur da provincia, onde as intensas nevadas das últimas horas, que provocaron espesores de entre 15 e 30 centímetros e a formación de placas de xeo, dificultaron a circulación.

En concreto, as estradas da provincia de Lugo afectadas atópanse na Fonsagrada, Baleira, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Quiroga, Ribas de Sil, O Incio, Samos, Triacastela, Muras, Vilalba, Ourol e Taboada.