As predicións apuntan á entrada dunha nova fronte

O temporal deixa ventos fortes na Mariña, con refachos de até 155 km/h

O aviso laranxa por ventos fortes continúa activo na xornada de hoxe (Europa Press)
Ventos de até 155 quilómetros por hora en municipios como o de Viveiro marcaron onte unha xornada con alerta laranxa por refachos fortes na maior parte da Galiza, vento no mar e aviso por ondas de até sete metros, pero sen incidencias de gravidade. 

Os rexistros de Meteogaliza indican que, até as 15.20 horas superáronse os cen quilómetros por hora noutras localidades costeiras. Así ocorreu en Vimianzo, con picos de 118 quilómetros por hora a mediodía, e Burela, con máximos de 115,7 quilómetros por hora.

As predicións para hoxe apuntan a que será un día de transición, en espera da entrada na Galiza dunha nova fronte, prevista para mañá, e que baterá con máis forza nas primeiras horas, con especial incidencia na costa.