O temporal deixa máis de 200 incidencias en todo o país

Protesta baixo a chuvia da Policía Local da Coruña na Praza de María Pita, este sábado (Foto: Iago Martínez / Twitter)
Na zona atlántica, Meteogalicia rexistrou unha acumulación de precipitacións superior aos 40 l/m2 en 12 horas e xeiras de vento de máis de 80 km/h.

A chuvia e o vento que golpearon durante a xornada do sábado Galiza deixaron 211 incidencias en todo o país, segundo notificou o Centro Integrado de Atención ás Urxencias (112).

As incidencias, ocorridas entre as 18 horas do sábado e as 7 horas do domingo, estiveron todas relacionadas coa "meteoroloxía adversa" polo paso dunha fronte activa que provocou fortes precipitacións, apuntou Meteogalicia.

A maior parte dos incidentes, destaca o 112, estiveron vinculados á caída de pólas e outros restos de árbores nas estradas (98), seguida pola caída doutros obxectos nas vías e accidentes (14) e polo risco de inundacións en vivendas (13).

As comarcas do suroeste do país foron as máis afectadas cun total de 99 incidencias, mentres que ao norte do río Ulla houbo 84. As zonas interiores do sueste galego foron as menos afectadas. Con todo, rexistráronse 6 incidencias. Ao norte do Sil até o Cantábrico, contabilizáronse 22.

Na zona atlántica, Meteogalicia rexistrou unha acumulación de precipitacións superior aos 40 l/m2 en 12 horas, superando os 15 l/m2 nunha hora, e as xeiras de vento superaron os 80 km/h, con forza 7, procedente do oeste, na costa.

Concellos

Vigo, segundo a información achegada polo 112, foi o concello máis afectado, con 25 incidencias xestionadas. Nas primeiras horas da madrugada, recibíronse varias chamadas de particulares que informaron de asolagamentos en diversas rúas como a Avenida de Gran Vía, Puxeiros ou Ramón Nieto. Xunto a estes avisos, tamén se tivo constancia de diversos obstáculos na VG-20 e na AP-9 ao seu paso pola cidade.

Na Pobra do Caramiñal e en Rianxo foi onde máis incidencias se rexistraron, con 15. Na Pobra, a maioría foron por mor de bolsas de auga no Xobre. Na localidade rianxeira houbo varios avisos por árbores na AG-11 e na comarcal AC-553.

Ademais, en Compostela houbo 9 incidencias; na Estrada, 7; na Coruña 5; e en Pontecaldelas ou Lalín, 4.