O temporal de neve, chuvia e vento complica a circulación e deixa máis de 600 incidencias na Galiza

Un coche circula sobre a nieve no Cebreiro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A cota de neve situarase na contorna dos 500 metros pola tarde, por mor da temperatura do aire a diferentes alturas, mais outros factores poderían deixala no norte en 300 ao final do día.

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) constata dificultades para circular en dúas vías da Galiza: na A-6, ao seu paso polas Nogais, mais en varios quilómetros da LU-633.

A circulación está condicionada pola neve na A-6, no quilómetro 438.0, en sentido decrecente. O nivel de alerta é o verde, o que implica precaución e control da velocidade: no caso das autovías recoméndase conducir a unha velocidade máxima de 100 quilómetros por hora.

A nevada tamén afectou a varios quilómetros da LU-633, ao seu paso polo porto de Alto do Poio.

Neste caso, o nivel de alerta que fixa a DXT é amarela, o que supón unha restrición do tráfico, xa que está prohibida a circulación de camións e vehículos articulados.

Risco de desbordamento

Por outra parte, as fortes choivas estenderon a alerta por desbordamento a unha vintena de ríos da Galiza.

En concreto, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior mantén activo o plan especial ante o risco de inundación (Inungal), en situación de alerta, ante o posíbel desbordamento dos ríos Lérez, en Pontevedra; do Mera, en Ortigueira; do Furelos, en Santiso; do Mandeo, en Aranga; do Mendo, en Betanzos; do Ouro, en Foz; do Parga, en Guitiriz; do Ladra, en Vilalba; do Tambre, en Oroso; do Rego dás Mestas, en Valdoviño; do Covo, en Cervo; e do Miño en Lugo, A Peroxa e Ourense.

A eles incorporou nas últimas horas, a alerta para os ríos Sor Baix , no Vicedo; o Xallas 1, en Santa Comba; o Ulla, en Santiso; o Labrada, en Fraga; o Sil, no Barco de Valdeorras; o Avia, en Ribadavia; o Arnoia, en Baños de Molgas; e o Tea, en Salvaterra.

Segundo a información recibida, estes cursos están a presentar un crecemento significativo dos seus caudais, polo que poden chegar a darse desbordamentos puntuais.

Chuvia acumulada

O desbordamento de ríos e a acumulación de auga por mor da choiva provocou, á marxe da alerta nestas zonas, desbordamentos de leitos en distintos puntos da comunidade, coa consecuencia, por exemplo, da afección en estradas.

A comarca da Terra Chá é unha das máis afectadas, con inundacións que afectaron unha ducia de casas e obrigaron a rescatar varias familias en zodiac na localidade de Begonte.

Desde a media noite até as 8 horas o 112 Galiza rexistrou máis de 600 avisos por caídas de árbores, desprendementos, accidentes en estradas, asolagamentos e cortes na subministración eléctrica.

Alerta vermella no mar

Meteogalicia advirte da entrada dunha masa de aire fría a medida que avance a xornada, con chuvascos localmente fortes, sarabia e aparato eléctrico, ademais dun progresivo descenso da cota de neve.

No mar, a situación será complicada con ondas superiores aos 8 metros e alerta vermella.