Temporal de choivas: Estes son os ríos que poderían desbordarse nas próximas horas

O Miño xa anegou algunhas zonas en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Numerosos concellos están en alerta polos efectos que as precipitacións poidan ter en polo menos unha ducia de caudais de todo o país. Queres saber se un deles é o teu?

As choivas incesantes dos últimos días en moitos puntos da Galiza deron como resultado que nestes momentos haxa máis dunha ducia de ríos con vixilancia especial por posíbeis desbordamentos, que poderían afectar vivendas ou ao tráfico. Ao pasar os caudais por varias zonas o número de municipios que teme estes riscos é maior e, en xeral, todos teñen estabelecido algunha medida especial.

Entre os ríos que poden causar inundacións están, segundo fontes de emerxencias do 112 Galiza, o Landro ao seu paso por Viveiro; o Mera en Ortigueira e o Ouro, nas inmediacións da localidade de Foz.

Aliás, recoméndase ter coidado á veciñanza que resida ou que pase preto do Xubia, en San Sadurniño e do Mero e do Telva, ambos en Cambre. O risco de vivir unha subida tamén afecta ao Mendo, ao seu paso polo casco histórico de Betanzos, pois case cada inverno a auga chega a algunhas casas e obriga a cortar temporalmente a estrada que rodea a vila.

Mesmo en Sada, un concello que non inclúe no seu parte o 112, teñen posto en marcha un dispositivo especial despois de detectar os primeiros problemas porque o Maior saíu do seu leito natural. Na zona das Brañas mesmo houbo operarios instalando barreiras para a auga.

Foto: Concello de Sada

De igual forma, hai previsión de que poidan rexistrarse crecidas do Xallas en Santa Comba e do Tambre, quer no concello de Oroso, quer no de Val do Dubra. Neste último tamén decorre moi cheo o Dubra. En Santiso e Gondomar están á expectativa de que paren as choivas para que os ríos Furelos e Miñor non causen estragos.

Emerxencias indica que, tanto estes ríos, como o Maior (Bergondo), o Sar (Rois), o Cádavo (Fene) e o Valga (Valga), presentan un crecemento bastante significativo dos caudais que poderían derivar en asolagamentos puntuais.

En consecuencia, hai diversos grupos de Protección Civil comprobando cada pouco tempo a situación. No entanto, tamén se recomenda á poboación ter coidado, pois hoxe mesmo as augas do Miño roubaban espazo ás e aos peóns e deportistas nos paseos da cidade de Ourense. Pídese especial precaución en estradas e vías secundarias que estean preto de pontes e torrentes.