Todo o litoral galego, en alerta laranxa polo temporal

Activada a alerta laranxa por temporal costeiro. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O fenómeno meteorolóxico adverso comezará contra o mediodía desta quinta feira.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral da Galiza, onde se esperan ventos do suroeste de forza sur e ondas de até seis metros durante as próximas horas.

En concreto, o fenómeno meteorolóxico adverso comezará arredor deste mediodía na costa noroeste e oeste do país. A partir desa hora, estenderase cara ao suroeste, alcanzando tamén a costa da Mariña e as Rías Baixas.

Aviso amarelo na metade do país para esta xornada.

Por este motivo, para garantir a seguridade dos bens e as persoas, o 112-Galiza informou desta situación aos concellos, deputacións, servizos provinciais, agrupacións de Protección Civil e clubs náuticos afectados, entre outros, a fin de adoptar as medidas precisas.

O Goberno galego tamén lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, é dicir, de diques, rompentes e paseos marítimos, así como de extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar.

Esta quinta feira agárdanse choivas intensas en todo o país.

Precisamente, de acordo con datos de Meteogalicia, as primeiras horas do día están a deixar fortes ventos en zonas costeiras. Os medidores de Castro Vicaludo, en Oia (Baixo Miño), rexistrou refachos de até 130 quilómetros por hora pasadas as 9h da mañá.

De igual modo, a estación meteorolóxica do Xistral, en Muras (Terra Chá), notificou ventos próximos aos 119,8 km/h ás 5.20 horas da madrugada, e a de Penedo do Galo, en Viveiro (A Mariña), de 110,9 km/h contra as 5.10h.