Choverá en Noiteboa e Nadal? Esta é a predición do tempo na Galiza para as festas

Centos de persoas paseando polo centro de Vigo o pasado 17 de decembro. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
As precipitacións condicionarán toda a semana no país.

As precipitacións serán protagonistas durante a penúltima semana do ano na Galiza, que arrincou cun temporal de vento, choiva e fortes ondadas e que concluirá nunha fin de semana de festas do Nadal pasadas por auga. Así figura nas predicións da Aemet, que sitúa a Galiza como o único territorio no que se esperan precipitacións para a penúltima fin de semana de 2022, que coincide coa celebración de Noiteboa e Nadal.

A semana botou a andar esta segunda feira con tempo chuvioso en todo o oeste da península polo paso dunha fronte asociada a unha borrasca atlántica. Estas precipitacións iranse estendendo cara ao leste na terza feira e desde a cuarta feira afectarán especialmente a Galiza, sobre todo ao oeste do país, e tamén algúns puntos de Asturias e do oeste de Castela e León, en concreto en zonas montañosas, mentres que no resto do Estado español non se agardan precipitacións ou, no seu caso, serán moi débiles.

No que atinxe ás temperaturas, o portavoz da Aemet, Rubén del Campo, sostén que o inicio da semana non terá xornadas moi frías para a época e apenas haberá xeadas, con días "relativamente tépedos" que mesmo alcanzarán ou superarán os 20 graos centígrados na área mediterránea... Agás na Galiza.

O máis destacado desta segunda feira, de feito, serán as choivas na Galiza, que estarán acompañadas de xeiras de vento moi fortes que poden mesmo superar os 100 quilómetros por hora na costa galega e que provocarán un temporal marítimo no Atlántico con ondas de até seis metros.

A fronte seguirá avanzando ao leste na terza feira e as choivas estenderanse a boa parte da península. Ese día choverá de maneira especialmente intensa no noso país, así como en todas as zonas montañosas do oeste da península. Nalgúns puntos estas choivas poderían ir acompañadas de tormenta e de saraiba.

A cota de neve situarase por riba dos 2.000 metros e as temperaturas subirán tanto esta segunda feira como na terza, aínda que se esperan algunhas néboas matinais. A respecto da cuarta feira, o portavoz da Aemet sinala que choverá de maneira intensa durante a madrugada en puntos do oeste e do sur peninsular. Seguirá chovendo "de forma continua" na Galiza.

Na quinta feira seguirá chovendo no oeste da Galiza e poderanse estender esas precipitacións cara ao resto do territorio galego e mais a Asturias, mentres que no resto do Estado predominarán os ceos nubrados ou con algúns intervalos de nubes, pero sen choivas. A sexta feira, día 23; o sábado 24, día de Noiteboa, e o domingo 25, Nadal, probabelmente predominará unha situación anticiclónica na maior parte do Estado, precisou Del Campo.

As frontes atlánticas afectarán o noroeste peninsular e as choivas sobre todo caerán na metade oeste da Galiza, onde serán persistentes. Tamén poderían estenderse de forma máis débil e dispersa a puntos do occidente asturiano e o extremo oeste de Castela e León, así como á contorna do sistema Central. De cara á última semana de 2022, entre Nadal e Aninovo, o portavoz non ve clara a predición pero non descarta choivas na metade oeste peninsular.