Tempo inestábel para acompañar o Entroido

Unha muller refúxiase do vento na Coruña
Non choverá todos os días pero si se esperan días nubrados con chuvascos localmente treboentos.

O vento, as ondas, os temporais e a neve serán os protagonistas nesta fin de semana de Entroido. Prevese en todo o país unha situación de moita inestabilidade atmosférica debido á entrada de aire frío. Agárdase un día con intervalos nubrados e chuvascos, localmente treboentos e acompañados de sarabia, que irán remitindo pola noite.

A cota de neve situarase arredor dos 800 metros, poderanse ver folerpas puntualmente por debaixo, subindo a cota a 1000 metros ó final do día. As temperaturas sufrirán un moderado descenso. O vento soprará moderado do noroeste, con intervalos fortes no litoral.

Mar combinada do noroeste, forza 7-8 con ondas superiores aos 5 m. Entre Fisterra, Sisargas, Golfo Ártabro e a Mariña Occidental as ondas serán superiores aos 7 metros en mar aberto.

 

 

O domingo, a Galiza quedará na influencia dunha borrasca situada sobre Portugal. Así, agárdanse ceos cubertos, con chuvias durante a mañá máis persistentes no sur do país. Pola tarde irán remitindo e cara á noite volverán a rexistrarse por todo o territorio.

A cota de neve comezará nos 1200 metros e irá en progresivo ascenso co avance do día. As temperaturas mínimas non experimentarán cambios significativos, mentres que as máximas ascenderán lixeiramente. O vento soprará moderado de compoñente sur.

Xa na segunda feira, a Galiza quedará nunha situación intermedia entre as altas presións e as baixas desprazándose polo Atlántico. Así que, teremos ceos con nubes e claros e chuvascos febles máis probables na metade oeste. As temperaturas sufrirán un moderado ascenso. Os ventos soprarán de compoñente sur moderados no litoral, con refachos fortes na últimas horas do día.