O tempo de espera para as axudas á dependencia supera os 370 días e 30% das solicitantes morren sen a adxudicación

María Ferreiro, Margarida Prieto e Henar Román, esta quinta feira en Lugo (Foto: Nós Diario).
O Sindicato Labrego Galego denunciou "a situación límite na que se atopan as persoas dependentes e as súas coidadoras.

O Sindicato Labrego Galego (SLG) denunciou "a situación límite na que se atopan as persoas dependentes e as súas coidadoras na Galiza", ao tempo que demandou orzamentos para reconstruír os servizos de dependencia no rural. 

Neste sentido, a organización explicou esta quinta feira que, segundo os datos da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, o tempo de espera para recibir as axudas á dependencia supera os "370 días de media" e que "máis de 30% das persoas que abandonan as listas fano por falecemento". "A Administración galega só inviste 4.856,6 euros por persoa dependente, moi lonxe dos 6.131,6 euros da media estatal", alertou o SLG.

"Somos a comunidade que menos solicitudes temos fronte ás persoas potencialmente dependentes, só 17%, e aínda así temos unha lista de espera de máis dun ano para que resolvan os expedientes", manifestou a vogal do sindicato, Margarida Prieto, que precisou que no ano 2021 "500 persoas morreron na Galiza" á espera de recibir atención, mentres que en 2022 "perto de 400".

Servizo de Atención aos Fogares

Por outra parte, a organización agraria tamén denunciou que o Servizo de Atención aos Fogares (SAF), que presta atención a unhas 26.000 persoas na Galiza, atópase ao bordo do colapso: "Se non se incrementa o financiamento vai ser imposíbel a xestión dun servizo esencial como é o sistema de dependencia", concluíu o SLG.

Ademais, o Sindicato Labrego Galego chamou tamén a atención sobre a situación de maior "precariedade" e vulnerabilidade" en que se achan as mulleres do medio rural en materia de axudas por dependencia en comparación cos homes.