Sermos320

Tempo dos defuntos, os magostos e outras variantes importadas

[Imaxe: Contando estrelas] Magosto

O arqueólogo e museólogo Felipe-Senén escribe sobre o Samaín, que en gaélico significa encontro, reunión do presente co pasado, dos de antes, as persoas devanceiras coas de agora. Pon a ollada nas festas agrarias de outono, que fechan o ciclo. Eis un extracto da peza publicada no número 320 de Sermos Galiza.

Outono murcho, de ventos, chuvieiras que limpan as árbores das follas murchas, para devalar sobre deles, entre nubeiros, as raiolas dun solciño ictericio, manso, que xa non manca. Ambiente barroco, pórtico da invernía, ben enxergado e transmitido por Otero Pedrayo dende a súa solaina de pedra, a dos ouricelos da Casa Grande de Trasalba, erguida sobre as bocarribeiras que abren ao Barbantiño e ao Miño, a carón do pico Sacro do San Trocado e do seu Castro de San Cibrao das Las. Lugares ourensáns por onde se celebra, como en ningures, aos Defuntos e os Magostos.

 

Tempo axeitado para avivar ritos arredor da morte, os que existen dende que se ten conciencia, se filosofa ou se fai poesía e arte sobre os dous sempiternos cabos que se unen en cosmogonía: o da vida e o da morte, a morte propia, a morte allea, a morte amestrada, os arremedos e esconxuros á morte, os mitos, ritos e xogos macabros, o Trasmundo e as súas sombras, compañas, aparecidos, mouras... un universo quen sen deixar de existir muda co tempo.

 

Outono no que sobre as agras asoman como cabezas as cabazas... e sobre as árbores espidas das mazairas penduran as vermellas ou douradas mazás de inverno... esferas terreais que arremedan o cosmos celestial. Importante telo en conta, xa que desta observación e destas formas que decoran os escenarios do tempo sacroprofano dedicado aos Santos e aos Defuntos, farase festa e negocio, máis no bazar chinés, para inspirar grilandas, bólas de vidro ou de plástico coas que darlle vida á casa no seguinte tempo de Nadal. E de todo se fai entroido para reconverterse, travestirse, desafiar e espantar dende nenos os medos, e máis os da noite, da invernía e da morte. Entroidos de outono, globalizados intensivamente, onde cadaquén usa e abusa da liberdade que lle deixan e expón a súa imaxe do terror, cada vez máis criminal, sanguiñolenta, agresiva, inspirada polos filmes, nos argumentos terroríficos do splatter ou gore.

 

[Podes ler a peza íntegra no número 320 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]