O tempo entre consultas

O tempo medio de espera para unha primeira consulta de saúde mental abeira os 40 días, segundo o Sergas, lonxe da realidade que se advirte nas consultas. (Ilustración Álex Rozados)
A psicóloga clínica Rosa Cerqueiro Landín prosegue co ciclo de análises de Nós Diario.

Desde a publicación da Lei Xeral de Sanidade en 1986, e non exento de dificultades, cando non serias ameazas á súa natureza (como Real Decreto-Lei 16/2012 Real Decreto-Lei 16/2012, de medidas urxentes para garantir a sostibilidade do Sistema Nacional de Saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións que supuxo, de facto, unha vulneración do dereito constitucional á protección da saúde), fóronse debullando diferentes concrecións normativas coa idea de consolidar un sistema sanitario de carácter universal, equitativo, público e de calidade. 

A Lei 16/2003, de 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde, destaca as garantías das prestacións sanitarias, entre outras a de tempos máximos de atención. Estableceranse posteriormente uns criterios marco, baseados na gravidade das patoloxías, a eficacia da intervención e a oportunidade da mesma (para evitar a progresión ou secuelas da enfermidade).  

Vanse ir concretando estas garantías de tempos máximos para unha serie de consultas, cirurxías e probas diagnósticas ou terapéuticas, non urxentes e programables, que polas súas condicións de gravidade e impacto, non admitirían demoras inxustificables. 

De acordo co dereito á información, publicaranse regularmente os indicadores de listas de espera, pero só para primeiras consultas, que non teñan a consideración de revisión. Son datos incompletos porque só teñen en conta a lista de espera estrutural.

Á espera dos datos de xuño 2022, aínda non publicados, podemos coñecer que as listas de espera en Galicia aumentaron de xeito alarmante nos últimos anos. O número de persoas en espera dunha primeira consulta de saúde mental pasou de 4.074 no ano 2014 a un total de 10.020 persoas en 2021. O tempo medio de espera abeira os 40 días, o que non se corresponde coa realidade da espera que coñecemos nas distintos dispositivos asistenciais, sobre todo nas unidades de saúde mental comunitaria (que acolle a maioría da demanda de atención) onde eses 40 días de espera soe ser o mínimo que hai que agardar. 

Esta situación ten consecuencias na recuperación do paciente e a prevención da cronicidade. Ademais, hai outro aspecto non regulado normativamente, pero que ten moito que ver con ese principio de "oportunidade da intervención" que afecta sensiblemente á calidade da prestación, da seguridade das persoas e a eficacia dos tratamentos. Estoume a referir á distancia entre consultas sucesivas, que soe ser tamén moi dilatado no tempo aínda que non hai un rexistro publicado das mesmas. 

Existe unha seria contradición con respecto aos estándares recomendados por investigacións e guías de práctica clínica (GPC) que, creando unha situación paradoxal, son coordinadas polos propios servizos de saúde (en Galicia a axencia ACIS). Por exemplo, na GPC de depresión maior en poboación infanto-xuvenil recoméndase tratamento psicolóxico semanal polo menos durante 8-12 semanas, e se hai tratamento farmacolóxico, un seguimento regular e frecuente. No caso de adultos, e depresión leve, a recomendación de tratamento psicolóxico é de 6 a 8 sesións durante 10-12 semanas, aumentando segundo a gravidade, e un seguimento do tratamento farmacolóxico con frecuencia semanal ou quincenal ao inicio da prescrición. 

As recomendacións son similares no caso doutros problemas de saúde mental, e dos criterios mínimos que destacaban na Estratexia de Saúde Mental do SNS no ano 2009 para unha intervención eficaz, que para un tratamento individual establecía en 15 sesións, semanais/quincenais de entre 30-45 minutos cada unha. 

Esta intensidade idónea dos tratamentos non é posible ante o aumento constante da demanda de asistencia, a sobrecarga da axenda ordinaria e o número de pacientes activos por profesional. Ata o de agora, o aumento na contratación de profesionais da saúde mental ao abeiro do plan de saúde mental de Galicia poscovid 2020-24 non implicou ningún cambio na situación descrita, algo que xa se advertiu desde a súa data de publicación hai 2 anos, pola profundidade das carencias de recursos e amplitude das necesidades a cubrir, ademais da urxencia dun cambio de modelo asistencial que poña por diante a persoa e os dereitos. 
Chegados ata aquí, deberíase realizar xa a primeira avaliación de proceso e resultados do plan, do grao de consecución dos indicadores de seguimentos recollidos no documento e incorporar os indicadores de calidade das intervencións segundo os estándares recomendados.