Tempo de 'brunch' e itinerarios polo patrimonio no caderno 'Gozar'

Parte da reportaxe sobre Lugo que poderás atopar no caderno. (Foto: Nós Diario)
O suplemento fai propostas de interese para descubrir viños e alimentos da Galiza, así como detalles descoñecidos da cidade de Lugo. Se estás a procurar un plan, non deixes de ir aos puntos de venda habituais polo 'Nós Diario' que se publica mañá.

Esta fin de semana decae o estado de alarma e acaban algunhas limitacións como o feche perimetral da Galiza, mais coas dúbidas que se presentan o mellor é seguir a viaxar polo país, xa sexa pola comida, os viños ou as paisaxes. Dámosche boa proba desta recomendación no novo número do suplemento Gozar, que mañá mesmo atoparás na rúa xunto ao Nós Diario e o Sermos Galiza.

Nesta ocasión, Anxo Fole convida a lectoras e lectores a descubrir o 'Brunch, entre o almorzo e o xantar' con algunhas propostas culinarias moi apropiadas para a fin de semana. A capa xa entra polos ollos. Aliás, completa a páxina a opinión de Eva Cameán titulada 'Penedos de Pasarela e Traba', para ir coñecer antes ou despois da homenaxe alimenticia.

'Arqueoloxía e rural no centro de Lugo' titula o guía Guido Álvarez Parga, gran coñecedor da cidade e moi recoñecido polas turistas. Agora que hai tempo recomenda descubrir a "posta en valor" e os novos "achados" dun barrio que é Patrimonio Mundial da Unesco. E sempre haberá que tomar tamén algún pincho pola zona.

A sección Paraíso de Viñedos atoparás un texto de Manuel Docampo dedicado a Leive Ecoadega, un 'Legado de futuro'. En paralelo, a escritora de viños Lorena Costas deixa o artigo 'Con agarimo'.

Pola súa banda, o experto medioambiental Ramsés Pérez -membro de Adega e unha das cabezas visíbeis do Proxecto Ríos- ensinarache a 'Gozar do Río Ouro e Rego da Furna', nunhas xornadas que van a máis horas de luz para descansar, desconectar e facer as mellores fotografías, mesmo dos animais que atopes no teu paseo.

Neste caso é a bióloga ambiental Verónica Torrijos Pérez a que completa a páxina doble con 'A fábrica de luz de maio'.

Para fechar o suplemento, no Quen fai que comparten protagonismo Su Garrido, Emma Pedreira e Laura Romero e a axenda de concertos da Sala Rebullón. O Selfie é para Gerardo Lagares Abeal, socio director de Orballo, a referencia das infusións na Galiza.

Prestaríache dar conta deste menú tan completo? O único que tes que facer é ir ao quiosque ou á nosa tenda en liña mañá mesmo e mercar Nós Diario, onde atoparás o caderno. Para non perder ningún dos nosos especiais, é recomendábel que fagas a subscrición xa mesmo!