25-N

Tempo e apoio, piares para as vítimas poder recuperarse da violencia machista

O acompañamento das vítimas e dos seus fillos e fillas menores é un dos reclamos máis frecuentes das vítimas. (Foto: Nós Diario)
As redes veciñais acompañan as vítimas na súa recuperación social, psicolóxica e laboral.

"As mulleres vítimas de violencia de xénero precisan unha atención inmediata e continuada. E non menos de tres anos para se recuperaren após a violencia machista recibida". Quen fala é Rosa Fontaíña Pazos, fundadora e coordinadora da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo, que este ano fai 25 anos. Foi en 1997 cando integrantes da rede estatal de mulleres veciñais decidiron cambiar o paso para mudar a súa propia loita contra a violencia machista, confinada até entón no ámbito doméstico. "Nós levabamos as contas das mulleres asasinadas. Aquel ano foron 91 en todo Estado. E concluímos que tiñamos que facer algo para sacar á luz os malos tratos e achegarnos a todas as mulleres vítimas".

Ana Orantes foi unha delas. A súa historia transformou a percepción social da violencia machista e obrigou a repensar as accións dos poderes públicos dirixidas a atallar este problema. O seu ex marido matouna o 17 de decembro, dúas semanas despois de que Orantes contase en televisión as agresións físicas e psicolóxicas propinadas polas súa parella durante 40 anos. Ana Orantes rachou o seu silencio para sinalar o maltrato continuado, pórlle nome, facelo visíbel e delatar os verdugos.

O seu caso cambiouno todo. Motivou a reforma do Código Penal en materia de violencia machista e deu pé, en 2004, á primeira lei integral contra a violencia de xénero; unha norma estatal que axiña tería seguimento na Galiza coa aprobación en 2007 da Lei para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Migrantes e soas

A violencia machista gañou relevancia nos medios, presionados polo feminismo e as organizacións de mulleres. "Nós comezamos a traballar en precario, cun local veciñal e un teléfono". Hoxe contan con dúas traballadoras sociais, tres psicólogas, unha avogada, unha educadora social, unha integradora laboral e unha técnica administrativa contratadas; ducias de persoas mediadoras para o acompañamento de mulleres vítimas da violencia machista e o apoio das administracións públicas.

A súa achega súmase á doutras entidades: asociacións de vítimas, Centros de información á Muller (CIM), unidades de violencia. "Ningunha persoa voluntaria que queira colaborar con nós pode facelo sen antes recibir unha formación en xénero e violencia de xénero", afirma Fontaíña. Chegaron a ter 200 voluntarias para atender as necesidades básicas e urxentes das vítimas, "que o que necesitan son facilidades no seu día a día".

Moitas das mulleres que se achegan a esta rede son migrantes "que non teñen a ninguén". E sen un contorno de confianza,"superar o medo, a culpa e a vergoña que case sempre acompañan as vítimas é moi complicado". Por iso cada terza feira desde hai dúas décadas fan parte dunha sesión grupal que dirixe a psicóloga clínica. "Esta terapia ofrece uns dos resultados máis positivos. Xuntan as súas experiencias, mulleres dos 18 anos aos 74, escorrentan ese sentimento de culpa e dependencia, de que non valen, de que non poden saír".

É moi importante, di Fontaíña, ao igual que o servizo de acompañamento. "As mulleres que chegan á rede non van nunca soas á comisaría nin aos xulgados. Non poden ir soas. Hainas que esperan cinco ou seis horas por un xuízo, en corredores ou salas de espera pouco axeitadas, onde é doado que batan de fronte co seu agresor". As mulleres voluntarias que as acompañan son un antídoto contra a soidade e a angustia, pero tamén fronte á violencia institucional e a dobre vitimización.

Apoio continuado

Tamén son habituais solicitudes de acompañamento para ir ao hospital, resolver un trámite, recoller as crianzas nun intercambio ou buscar as súas pertenzas ao domicilio. Son situacións "moi custosas para as mulleres, perigosas, que requiren formación, empatía e humanidade. E nisto non se avanzou tanto".

As mulleres que acoden á Rede de Mulleres Veciñais de Vigo fano desde calquera punto da Galiza e contan con apoio psicolóxico, xurídico e laboral. "A maioría non teñen recursos, non teñen vivenda e carecen de información para reclamar as axudas que lles corresponden".

Necesitan tempo e apoio para aceptar a realidade. "Teñen moitas dúbidas. Precisan tratamento e seguimento. Recursos accesíbeis sempre que os precisen. E a nosa experiencia di que cómpren ben tres anos para que se recuperen da violencia machista, e iso, con todo seu dispor. Hai mulleres ás que acompañamos durante unha década e outras que seguen con nós despois de 15 anos".