As temperaturas modéranse mais seguen baixo cero no surleste do país

A comarca da Limia é unha das que fican á cabeza das baixas temperaturas no país. Na imaxe, a igrexa de Aguís, no concello dos Blancos. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Para esta xornada agárdanse nevaradas en cotas superiores a 900 metros.

As temperaturas recuperáronse na madrugada desta quinta feira en boa parte do país, pero aínda se mantiveron baixo cero na noite e primeiras horas desta xornada na que se espera o regreso da neve por riba de 900 metros de altura e as choivas xeneralizadas tras varios días de dominio anticiclónico.

Con todo, en zonas por baixo dos 900 metros o mercurio descendeu até os -3,5 graos en Verín, -3ºC en Baltar e -2,2ºC tanto en Xinzo de Limia como en Viana do Bolo.

A temperatura máis baixa da noite rexistrouse na estación de Cabeza de Manzaneda, con 5,5 graos baixo cero. Tamén en zonas de montaña, o termómetro situouse en -5,3 graos na Veiga —estación de Xares— e -4,4ºC, —na estación de Corzos—, -4,7ºC en Lardeira e -3,5ºC en Pedrafita do Cebreiro.

Para esta quinta feira Meteogalicia avisa de nivel amarelo por vento do nordés no mar en toda a costa atlántica, entre as 15 e as 21 horas. Tras unha xornada inestábel, esta sexta feira será un día de transición cara á recuperación da influencia anticiclónica.

Así, para esta vindeira xornada agárdanse ceos con alternancia de nubes e claros, chuvascos máis probábeis no terzo norte e de neve con cotas superiores aos 800 metros.

As temperaturas non experimentarán cambios significativos e os ventos soprarán do nordeste, máis intensos pola tarde, cando serán moderados en toda a Galiza e aumentarán a sensación térmica de frío.