As temperaturas e a súa influencia nas mortes cardiovasculares

Unha persoa avanzando entre a choiva en Compostela (Foto: Santi Alvite).
O frío e o calor extremo aumenta as enfermidades cardiovasculares, segundo un estudo publicado na revista Circulation da Asociación Americana do Corazón.

As temperaturas extremas, tanto por frío como por calor, incrementan o risco de morte entre as persoas con enfermidades cardiovasculares como a cardiopatía isquémica, o accidente cerebrovascular, a insuficiencia cardíaca ou a arritmia.

Esta é a principal conclusión dun estudo  publicado onte na revista Circulation da Asociación Americana do Corazón. 

O traballo, no que participou o profesor da USC Dominic Royé, analizou 32 millóns de casos a través de catro décadas.

“Co cambio climático, precísase máis investigación para examinar e desenvolver estratexias que mitiguen o impacto das temperaturas extremas nas enfermidades cardiovasculares”, afirman desde o equipo investigador.

A análise abrangueu 567 cidades en 27 países de todo o mundo entre 1979 e 2019. Para levar a cabo a análise, o equipo investigador comparou as mortes cardiovasculares en 2,5 % dos días máis calorosos e máis fríos de cada cidade coas mortes cardiovasculares nos días que tiñan a  temperatura óptima (asociada coa menor taxa de mortes) na mesma localización. 

Por cada 1.000 mortes cardiovasculares, o estudo detectou que as xornadas de calor extrema xeraban 2,2 pasamentos adicionais; mentres que o frío extremo orixinaba 9,1 mortes adicionais. Entre as enfermidades cardiovasculares examinadas, a insuficiencia cardíaca relacionouse con máis mortes por temperaturas extremas (2,6 pasamentos adicionais en días de calor extrema e 12,8 con frío extremo).

"Unha de cada 100 mortes cardiovasculares pode atribuírse a días con temperaturas fóra do normal”, apuntan.

Nesta liña, apuntaron que é un descubrimento importante, xa que unha de cada catro persoas con insuficiencia cardíaca é reingresada no hospital dentro dos 30 días posteriores ao alta, e só o 20% dos pacientes con insuficiencia cardíaca sobreviven dez anos despois.