Remite na segunda feira

As temperaturas baten marcas pola vaga de calor

A vaga de calor que afecta Galiza desde a pasada quinta feira deixa temperaturas máximas históricas na nación. Arbo volveu rexistrar o sábado a temperatura máxima, con 43,7 graos. Este domingo a situación tende a se normalizar.

Segundo Meteogalicia, volveu ser Arbo a localidade onde máis se fixo notar a vaga de calor. Se na sexta feira os termómetros chegaban a 43,5 graos no lugar de Cequeliños, o sábado acadaron os 43,7. A continuación situouse Arnoia, con 42,3 graos; Leiro, con 42,3; Areas (Tui), con 40,9 e Salceda de Caselas, con 40,5. As mínimas tamén foron elevadas, como proban os 26 graos de Vigo ou os 25 do Baixo Miño.

 

Meteogalicia mantén a alerta laranxa por temperaturas máximas superiores aos 39 graos na zona de Miño e por máis de 36, na comarca de Valdeorras [poden consultarse os avisos no arquivo xunto]. Este domingo comezará un lixeiro descenso das temperatura. Na segunda feira a caída das temperaturas serán aínda máis notábeis.

 

Recomendacións

 

A Consellaría de Sanidade recomenda beber máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Recomenda evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas, así como as comidas copiosas.

 

Prendas e calzado lixeiro, o uso de cremas protectoras solares, baixar as persianas e pechar as ventás, abríndoas pola noite para ventilar, refrescarse cunha ducha ou baño e eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado son outras das recomendacións.

 

Sanidade lembra que non se debe facer deporte en horas calorosas, non ficar durmido ao sol nin deixar persoas ou animais no interior dos coches.