As temperaturas baixan até 10 graos baixo cero en Calvos de Randín

Nevada na montaña lucense. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Fontes da Consellaría de Medio Ambiente indicaron que tamén caeron os termómetros nas vilas de Verín, Viana do Bolo e Baltar.

O frío polar parece instalarse na Galiza e ten especial incidencia no interior do país. Sen ir máis lonxe, os termómetros marcaban onte até 10 graos baixo cero no municipio de Calvos de Randín. Este dato rexistrado no sur foi a temperatura mínima rexistrada no territorio galego.

Ademais, a zona atópase afectada por unha alerta laranxa por frío. A Consellaría de Medio Ambiente tamén destacou que no entorno baixaron até os menos 8 graos nas localidades de Baltar, Verín e Viana do Bolo.

No extremo contrario situouse a zona de Campolongo, en Pontevedra, onde se informou da máxima do país, que só chegou até os 12 graos malia ser ao medio día.

Aliás, a priori as autoridades non contemplan unha melloría nesta onda de frío no surleste. De feito, manterase o aviso laranxa durante toda a xornada de hoxe nas comarcas por debaixo do concello de Ourense. Na montaña lucense será o aviso amarelo o que estea activo.

No que se refire ás grandes cidades, a predición meteorolóxica prevé que poidan estar baixo cero Lugo (con máximas de 5 graos), Compostela (até 8 graos) e Pontevedra (11 graos). A urbe e a comarca de Ferrol marcarán, se chegan á mínima, os cero graos. En Vigo (10), Ourense (7) ou A Coruña (12) o mercurio podería estar nun grao sobre cero.

De cara á sexta feira, o parte de MeteoGaliza agarda novamente temperaturas xélidas. Manterase igualmente a advertencia pola sensación térmica, que na montaña e nas Rías Baixas será de nivel amarelo.

No entanto a chuvia e a neve estarán a raia, salvo pequenos episodios de precipitacións nas comarcas pegadas ao Cantábrico, até esta quinta feira. Mañá podería regresar a neve a localidades situadas na cota dos 400 ou 500 metros. Estas condicións coinciden aínda co feche da Galiza para entradas e saídas e a posibilidade de que cheguen medidas de mobilidade máis restritivas.