''Temos interiorizados estereotipos de sexo que dificultan vivir a nosa erótica con satisfacción''

[Imaxe cedida pola entrevistada]

Entrevistamos a sexóloga Verónica Ramilo a respeito do seu traballo. Con ela falamos de sexualidade, de diversidade funcional e do que acontece cando estes dous temas tabú conflúen: a afectividade das persoas con 'discapacidade' física ou psíquica. 


Galega emigrada en Catalunya, Verónica Ramilo é sexóloga e traballadora social. A sexualidade das persoas con diversidade funcional é un debate que está de actualidade pola entrada en xogo dunha práctica nova: a asistencia erótica.

Falamos con ela sobre isto, mais tamén das diferencias entre sexo e sexualidade ou da influencia que a construción social dos xéneros ten na nosa afectividade.

 

Permítame comezar polo principio. Sexoloxía = Ciencia do sexo. Mais... de que sexo? Da asociación habitual que se fai, limitado ao coito?

Non. A sexoloxía da cal eu veño é unha corrente que se chama 'sexoloxía substantiva', impulsada no Estado español por Efigenio Amezúa hai xa máis de 30 anos. Desde esta perspectiva, sería a ciencia dos sexos. Dos sexos que somos e non do sexo que facemos ou dos xenitais que temos. 

"A sexoloxía é a ciencia dos sexos que somos e non do sexo que facemos ou dos xenitais que temos"

Falamos dos sexos, dos seus encontros e desencontros, de mulleres e de homes, de sentimentos, de emocións, de identidades, de xeitos de comunicarnos, de ars amandi, de relacións, de posibilidades e de dificultades, de vivencias. Falamos de todo o que ten a ver co feito sexual humano e as súas múltiples maneiras de se manifestar. 

Até que punto os 'problemas sexuais' nunha parella non son carencias da relación e que papel xogan aquí os roles de xénero? Explícome cunha frase que lin nunha parede: 'De tanto facerche o xantar e de tanto facerche a cama esquecín facerche o amor'.

As dificultades eróticas, que é como lles prefiro chamar, tanto en parellas heterosexuais como homosexuais poden ser debidas a múltiples causas. Entre elas, ao feito de termos interiorizados roles e estereotipos de sexo que nos dificultan vivir con satisfacción a nosa erótica. 

A respecto desa frase que citas, moitas parellas heterosexuais cando van buscar unha 'terapia sexual' descubren que hai outros factores e detalles que inflúen na súa erótica, máis alá da cama, que é preciso coidar, pactar ou re-negociar. Tamén pasa ao contrario. Parellas que van buscar unha 'terapia de parella' por unha difícil convivencia, atópanse con que se atenden a súa erótica nun sentido amplo, coidar as mostras de afecto, o agarimo, entón poden chegar a mellorar a súa convivencia. 

Como afronta a sexoloxía as relacións de parella para erradicar as distintas formas de violencia sexista máis ou menos explícitas? Desde a prevención ou desde a educación?

Dende a perspectiva sexolóxica sustantiva máis que de prevención falaríamos de educación. Previr é tratar de evitar un dano, un perigo. Educar é promover o que desexamos. Polo tanto, a nosa aposta é en educar no bo trato, integrar este concepto.

"Hai unha orde constituída socialmente que modela o gozo en térmos de desexo heteronormativo, pracer coitocéntrico e corpo xenitalizado"

Como podemos tratarnos mellor, como xestionar os conflictos que hai en todas as convivencias e, ás veces, máis nas de parella. Como poder xestionar e controlar a agresividade, como canalizala doutros xeitos non violentos para poder conseguir esa convivencia dos sexos tan desexábel, promocionando o diálogo.

Existe unha concepción da sexualidade que se cingue ao coito e concibida desde un punto de vista cuantitativo, isto é, canto máis, mellor? Carrexa isto algunha consecuencia positiva? E negativa?

Existe e de feito é a que temos por todos os lados: publicidade, filmes, series... Consecuencias: máis traballo para min! Grazas! [risos] Por suposto, é unha brincadeira. Mais tamén é unha realidade. 

As consecuencias son que hai moitas persoas insatisfeitas, infelices coa súa viviencia da súa sexualidade porque non cumpren 'a norma'. Hai unha orde constituída socialmente que modela o gozo en termos de desexo heteronormativo, pracer coitocéntrico e corpo xenitalizado. Polo tanto inferiorízase todo o que non é heterosexual, coital ou xenital. 

"Cantas máis relacións, cantos máis orgasmos, cantos máis xoguetes eróticos... máis vales. Iso xera unha presión moi grande"

Canto ao cuantitativo e ao pracer, a medida é o orgasmo e cantos máis mellor. Penso que isto está bastante relacionado co momento actual, coa sociedade de consumo en que vivimos, co 'canto máis tes máis vales'.

Na sexualidade está a pasar o mesmo: cantas máis relacións, cantos máis orgasmos, cantos máis xoguetes eróticos... máis vales. Iso xera unha presión moi grande. Tes que consumir si ou si, ou serás “rariñ@”, “reprimid@”, “convencional”... Eu gosto moito do humor, e un día falando deste tema con Toni Lodeiro, gran amigo, autor do libro Consumir menos, vivir mellor saíume a adaptación: 'Consumar menos, vivir mellor'.  

Como se aborda o tema da afectividade cando conflúen dous tabús: sexo e diversidade funcional?

A maior parte das veces xa directamente non se aborda. Existe un duplo estigma social que considera as persoas con diversidade funcional como seres asexuados, incapaces de desexar ou de seren desexados. Mais tamén o contrario. É dicir, no caso por exemplo dunha persoa coa síndrome de down, existe a idea de que están hiper-erotizados.

"Existe un dobre estigma social que considera as persoas con diversidade funcional como seres asexuados ou hiper-erotizados"

Polo tanto, invisibilizamos, ou deixamos en segundo plano, a súa sexualidade como algo non prioritario, ou non atendemos ás súas necesidades, non ofrecemos oportunidades para que as persoas teñan relacións de parella, acceso ao goce do seu propio corpo, incapacitámolas, xulgámolas. 

Pero hai unha moi boa noticia: hai persoas, asociacións, colectivos e entidades que están a facer un gran traballo neste eido, como poden ser a asociación Sexualidad y Discapacidad, Tandem Team ou Sex Asistent.

De diferentes maneiras, con diferentes obxectivos, mais todas elas están a visibilizar a sexualidade das persoas con diversidade funcional atendendo ás súas demandas, ofrecendo posibilidades, sensibilizando familiares e profesionais. En resumo, poñendo na axenda esta realidade de corpos diversos que desexan e poden ser desexables.

Os modelos de sexualidade que coñecemos son suficientes ou cómpre pular por outros novos, máis inclusivos?

Non sei se novos, porque hai algúns referentes, mais si que cómpre pular por modelos máis diversos e plurais, que apelen á diversidade corporal, erótica, de modelos de feminidade e masculinidade máis inclusivos, onde mulleres e homes aprendan a coñecérense, a aceptárense, a xestionárense e a expresárense de maneira satisfactoria, de modelos de parella máis convivenciais.

Na Galiza, en 2007, comezou a funcionar un programa en que unha ou un asistente atendía as "necesidades cotiás" das persoas con diversidade funcional. Por que non se entende o sexo como unha necesidade cotiá?

Polo que explicaba antes. Porque moitas veces non se recoñece a súa existencia. Porque hai moito descoñecemento, hai moit@s profesionais que queren abordalo e non saben como facelo. Nas facultades de psicoloxía, medicina, traballo social, educación social si que se fala, mais só de anatomía e de enfermidades, non da sexualidade Por tanto, como podemos abordalo se non che deron uns contidos mínimos? 

"O sexo non se entende como unha necesidade cotiá porque non se recoñece a súa existencia"

E por parte das familias hai moitos medos e descoñecementos. Eu compréndoo porque non nacemos aprendid@s. Mais pódense facer moitas cousas. A sexualidade se se aborda desde o respeto e empatía é apaixoante. O respeto aos tempos e ás necesidades de cada persoa, de cada familia, de cada parella e a empatía cara a eses sentimentos, ás veces contradictorios, para min son fundamentais para poder traballar a sexualidade das persoas. 

Gobernos coma o de Dinamarca financian asistent@s erótic@s para que manteñan relacións coas persoas con diversidade funcional que así o demanden. Partilla este tipo de iniciativas? Son necesarias?

Tamén existe en Alemaña, Suiza e Dinamarca, onde o estado recoñece esta figura coma un servizo de saúde, cubrindo os costes na súa totalidade ou financiando asociacións que o promoven.

É unha persoa formada en asistencia erótica que fai un acompañamento á erótica das mulleres, homes ou parellas con diversidade funcional, maiores de idade, que libremente deciden optar por esta iniciativa. É un recurso máis, unha opción. Agora mesmo no Estado español estase a comezar a impulsar e visibilizar esta figura a través de varias organizacións e asociacións. Eu coñezo as de Barcelona, que é onde moro, e están Sex Asistent, Tandem Team Bcn ou Yes, we fuck

Hai case un ano Aspaym Catalunya, xunto con Sex Asistent, organizaron unhas xornadas co nome de 'DiverSexualidade. Romper tabúes para a vivir' onde se presentou a figura d@ asistente sexual e falouse da sexualidade en xeral. Estas xornadas estiveron presentadas por representantes do Departament de Benestar Social i Família da Generalitat de Catalunya, feito que indica que hai unha certa vontade polo menos para escoitar as necesidades e demandas das persoas con diversidade funcional.

"Tiven un mestre en sexoloxía, Marcos Sanz, que dicía que "hai unha sexualidade que inventa e outra que repite""

Fóra dos sexismos, fóra dos tópicos, fóra do 'habitual'... hai camiños que leven ao desexo?

Hai tantos camiños coma persoas queiran camiñar. Tiven un mestre en sexoloxía, Marcos Sanz, que dicía que "hai unha sexualidade que inventa e outra que repite. Reelaborar os nosos corpos para que reinventen e exploren é o que está en cuestión". Desexamos moitas veces aquilo que non temos, o prohibido. O desexo é polimórfico, poliédrico. 

Os camiños do desexo moitas veces son un misterio tamén para @s profesionais da sexoloxía. Mais hai moitas posibilidades, a través da imaxinación, a creatividade, a curiosidade, o misterio, a intriga ou, como dicía Proust, "o misterio non é viaxar a novos lugares, senón velos con novos ollos".