Alberto Ruano: "Na Galiza temos coñecemento de como afecta o radon, debera aproveitarse mellor"

Alberto Ruano Raviña profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública e integrante do Laboratorio de Radon da Galiza (Imaxe: Nós Diario).
Alberto Ruano é profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública e integrante do Laboratorio de Radon da Galiza. O equipo que lidera vén de publicar un dos maiores estudos sobre a relación entre este gas radiactivo presente no chan galego co cancro de pulmón. Ruano urxe aplicar as medidas de prevención. 

—Como afecta o gas radon aos pulmóns?
O gas radon é un elemento radioactivo, dentro dos distintos tipos de radioactividade desprende partículas alpha. Cando son inhaladas golpean as células do epitelio pulmonar e causan danos xenéticos. Se isto acontece a concentracións elevadas e nun período de tempo longo esas alteracións poden dar lugar a un cancro pulmonar.

—No traballo que lidera analizan o impacto deste gas nas persoas fumadoras. 
Atopamos que as persoas que teñen moito radon nos seus domicilios e que son grandes fumadoras teñen un risco máis elevado de teren cancro de pulmón. Estamos sumando dous tipos de elementos carcinóxenos que actúan simultaneamente sobre estas células. 

—Tamén incrementaría o risco en fumadores pasivos?
Existiría certa plausibilidade de que isto puidese acontecer, se ben non o estudamos nesta investigación. Porén, hai que destacar que o risco de ter cancro de pulmón en persoas fumadoras multiplícase por vinte de maneira xeral, mentres que unha persoas que sexa fumadora pasiva multiplica o risco por 1,35.

A supervivencia de persoas con cancro de pulmón que teñen máis radon nos seus fogares é menor

—A combinación de riscos dificulta o tratamento do cancro de pulmón?
Até onde sabemos non, pero si observamos nun estudo deste mesmo ano que a supervivencia de persoas con cancro de pulmón que teñen máis radon nos seus fogares é menor. Esta investigación estaba centrada exclusivamente en persoas que nunca fumaran.

—Como pode paliar os efectos do radon quen vive nun fogar con alta presenza deste gas?
O primeiro é medir, porque se pode vivir nunha área na que presumíbel mente haxa moita presenza do radon mais que nese fogar non o haxa ou viceversa. Hai que illar a vivenda do radon e isto pódese facer de diferentes maneiras: cunha cámara ventilada baixo a vivenda, con láminas que illen o subsolo, ou con habitáculos no subsolo que acumulen radon e que o expulsen ao exterior.  Este ano aprobouse un novo código técnico de edificación que obriga a que toda nova vivenda que se constrúa estea feita a proba de radon, con medidas máis estritas nos municipios máis afectados por este gas.

Danse pasos, pero son lentos

—A nivel administrativo, perciben avances en materia de prevención?
Danse pasos, pero son lentos. En 2006 pretendíamos que o código de edificación daquela xa incluíse medidas contra o radon, perdemos catorce anos. E agora fica no limbo o parque de vivendas xa construído. A maiores, hai unha lexislación europea que fixa topes nas edificacións e en postos de traballo. Deuse de prazo aos Estados membros a traspoñela no ordenamento xurídico en 2018, en España imos con dous anos de retraso porque aínda non se fixo. A Xunta e algúns Concellos galegos traballaron nese senso. Pero hoxe por hoxe, a parte que afecta aos traballadores non se traspuxo. Galiza é a comunidade na que hai unha maior problemática de radon, segundo o Consello de Seguridade Nuclear e os nosos propios estudos 70% do territorio está predisposto a ter concentracións elevadas de radon. Temos unha mellor caracterización de terreos e temos o coñecemento de como afecta o radon, en postos de traballo e nas vivendas. Penso que se debera aproveitar mellor.

Non é caro e non é unha cuestión de que o sexa, senón de que os traballadores non pode estar exposto a carcinóxenos na súa xornada laboral

—Por que cren que hai esta demora en aplicar medidas? É debido aos seus custos?
As medidas non son excesivamente caras. No caso de obra nova é moi barato comparado co prezo total da vivenda, tal vez sexa máis caro nun fogar unifamiliar. En termos xerais, falamos de 2.500 ou 3.000 euros. E temos a outra faceta do ámbito laboral, na que os empregadores teñen a obriga de que o persoal traballe nas condicións adecuadas. Non é caro e non é unha cuestión de que o sexa, senón de que os traballadores non pode estar exposto a carcinóxenos na súa xornada laboral. Nese senso, penso que falta un chisco de concienciación.