Tecido asociativo de Vigo sae á rúa para reclamar “respecto” e pedir “outro modelo de cidade”

Cabeceira da manifestación (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

A protesta estaba convocada por dunha quincena de colectivos e asociacións veciñais, culturais e ambientalistas. “Este Goberno local nin nos escoita nin nos respecta”, critican. "Non se pode construír un Vigo de costas aos veciños. Non se pode confundir esa maioría absolutísima, lexítima, cun cheque en branco".

“Que se nos escoite e que se nos respecte”. Eis a demanda que presidiu a mobilización que este domingo decorreu en Vigo baixo o lema “Vigo somos tod*s” e convocada por unha quincena de colectivos e asociacións do municipio.

Estas asociacións tamén reclaman un "modelo novo de cidade" que priorice "a calidade de vida fronte ao investimento privado", tendo en conta os desafíos de sustentabilidade e mobilidade.

Son entidades procedentes de ámbitos moi diversos, desde a música até os dereitos sociais, pasando pola defensa do patrimonio, mais teñen un nexo común: a falta de atención das súas reivindicacións por parte do Concello de Vigo. É por iso que decidiron sumar forzas nesta acción colectiva.

Nun comunicado, lamentan que o Executivo que lidera Abel Caballero, facendo gala da súa maioría absoluta, "non negocia e non atende as críticas dos veciños e veciñas da cidade", impulsando "actuacións unilaterias que afectan o noso día a día e que non son consensuadas, consultadas ou participadas cos milleiros de persoas afectadas".

A mobilización reclamou "respecto" por parte do Goberno local (Foto: Greenpeace)

Así, denuncian que fronte ás reclamacións, o Concello "non negocia e non atende ás críticas dos veciños", impulsando accións "unilaterais" que afectan ao día a día dos mesmos e que non son "consensuadas, consultadas ou participadas cos miles de persoas afectadas".

Así mesmo, lamentan que o goberno local "ataca" ás asociacións, acusándoas de ser "infiltradas" doutros partidos políticos. "No último pleno municipal a pasada semana viviuse un episodio desta confrontación, coa expulsión dos membros de Avibe do pleno por parte da Policía Local cando estes pedían só unha reunión", criticaron as asociacións.

Neste sentido, lamentaron que Abel Caballero volvese a referirse á "longa lista de espera" que ten para non reunirse con eles, a pesar de que hai unhas semanas reuniuse cos empresarios hostaleiros horas despois de que o solicitasen para marcar unha prórroga do apagado das luces.

No momento no que discrepan con tales actuacións, afirman as entidades asinantes, "o Concello vai á contra no canto de dialogar".

A veciñanza participante criticou os proxectos "de costas á cidadanía" (Foto: Greenpeace)

Fan alusión tamén a conflitos como os de Beade e Bembrive, onde boa parte da veciñanza participa dos movementos asociativos contrarios aos proxectos do vial PO-010 e o novo treito da A-52, que "ameazan con romper parroquias e destruír un dos enclaves ecolóxicos máis importantes da cidade”.