O tecido agrario insta a tomar "medidas serias" ante a seca

O conselleiro José González, no medio, na reunión de onte (Foto: Europa Press).
Críticas ao Decreto do Goberno estatal e á "pasividade" da Xunta

O Real Decreto Lei aprobado polo Goberno español a pasada semana con medidas fronte á seca e as consecuencias da guerra en Ucraína non convence nin ás organizacións agrarias nin á Xunta, que solicitan unha reunión co Executivo. Entenden que "discrimina a Galiza".  Así se expuxo nunha xuntanza na que tomaron parte o conselleiro de Medio Rural, José González, e representantes de Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Asociación Agraria de Galicia.

Roberto García (UU.AA), sinalou que ve unha "coincidencia" que o momento deste decreto valore "unicamente a choiva que puido caer nestes días", así como a proximidade dos comicios do 28 de maio.

"Aspectos rexeitábeis"

"Ten aspectos rexeitábeis", aseverou. Con todo, García destacou tamén algúns aspectos positivos deste real decreto, como as bonificacións fiscais ou o incremento "de maneira substancial" para poder bonificar os seguros agrarios a todos os gandeiros".

O presidente da Asociación Agraria de Galicia, Francisco Bello, considerou tamén este decreto como "totalmente discriminatorio" para os gandeiros galegos e censurou que non tivese en conta "criterios técnicos". "Temos unha crise de custo de produción tremenda. Isto non se palía con esta miseria de axudas", sentenciou.

Dende o SLG, Isabel Vilalba defendeu que hai que ter un traballo na Galiza tanto co tema da seca como co dos custos de produción. "É absolutamente irreal fiar esta problemática unicamente ás actuacións a nivel deste Real Decreto. As consecuencias desta posición ímolas pagar a cidadanía eo sector produtor de alimentos".

Manuel Da Cal, coordenador da Federación Rural Galega-Fruga, lembra que se ben a seca non "golpea" tanto a Galiza como outros territorios, o sector galego si que padece as consecuencias da mesma, como na escaseza de  palla para alimentar o gando procedente deses territorios.