A taxa de suicidio en Galiza aumentou un 42% nestes catro anos

O Movemento Galego da Saúde Mental asocia este incremento á crise e “inacción” das autoridades sanitarias. Denuncia a “falla de transparencia” nestes temas.

O Movemento Galego da Saúde Mental presentou en Compostela a súa valoración sobre o que considera como “alarmante incremento da taxa de suicidio en Galiza”. En base aos propios datos que manexa o MGSM, a taxa chegou en 2014 a 14 casos de suicidio por cada cen mil habitantes, unha cifra 2 puntos superior á de 2013 (12,03 por cada cen mil habitantes en Galiza fronte ao 8,3 no conxunto do Estado).

O portavoz deste movemento, Miguel Anxo García Álvarez, enmarca este incremento “que se vén producindo desde o comezo da crise e garda relación directa coas consecuencias da crise”.

“A crise creou as condicións de risco, un risco xa avisado pola Organización Mundial da Saúde, que sinalara as accións para amortecelas. A ausencia de acción do Goberno é o que nos leva a esta situación”. En canto á responsabilidade administrativa, o MGSM amosouse tallante: “un goberno sanitario debe darse por fracasado se no seu mandato as previsións realizadas por un organismo como a OMS se cumpren con danos á poboación”.

Catro anos seguidos de incremento

“Encadeamos 4 anos seguidos de subidas. O incremento está sendo alarmante”, afirmou. En 2010 a taxa de suicidios no noso país era de 9,81 por cada cen mil habitantes. En cifras absolutas, as persoas que se quitaron a vida en Galiza foron 390 segundo os datos propios do MGSM, fronte ás 333 de 2013. “Cómpre resaltar que na única provincia que conta cunha unidade sanitaria especializada na prevención do suicidio, Ourense, se produciu unha redución máis notable da taxa de suicidio”. Galiza sempre presentou unha taxa de suicidio superior á da media do Estado.