A taxa de posividade redúcese na Galiza un 88% nos vacinados con 2 doses e 47% nos que recibiron só unha

Vacinación (Foto: Arxina).

Así o sinalan desde a Consallaría de Sanidade en base a un estudo que se realizou tras o seguimento a 349.848 persoas vacinadas.

A Xunta informa que  vén de realizar un estudo sobre a efectividade e o impacto da vacina fronte á Covid, como parte do proceso do Plan de Vacinación fronte ao coronavirus.

Os datos analizados, informa a Consallaría de Sanidade, abranguen persoas que a día 27 de decembro, data no que se iniciou o proceso de vacinación, non tiveran ningunha proba diagnóstica positiva.

O seguimento dos datos son até o día 17 de marzo de 2021, considerándose 936.425 resultados de probas diagnósticas e logo de administrarse 349.848 doses vacinais (11.194 de Moderna, 73.666 de AstraZeneca e 264.988 de Pfizer), e recibindo 250.226 persoas, polo menos, a primeira dose, e 99.622 persoas a pauta completa (as 2 doses).

Os resultados do estudo do Sergas reflicten que, nas persoas cunha única dose, o descenso da taxa de positividade resulta do 47,2%. Este descenso é moito máis acentuado nas persoas que recibiron unha pauta vacinal completa, cun  descenso global do 88,4%.

A obtención de datos da efectividade do proceso de vacinación resulta esencial para establecer as estratexias do control global da enfermidade e realizar axustes das políticas de vacinación.

En base aos datos obtidos, a Xunta estima conveniente seguir co intervalo actual de vacinación aos maiores de 70 anos.