Unha escolma do papel / Debates 5x2

Tarifa eléctrica galega: viábel e necesaria?

Abel Losada e Adrián Dios debaten sobre o modelo enerxético e unha tarifa propia para o país. 

 

Sermos Galiza. O Goberno español está a ultimar unha suba da luz na Galiza polo canon eólico da Xunta. Hai apenas unhas semanas, Alberto Núñez Feijóo afirmaba que non se ía producir…

 

Abel Losada. Hai unha auténtica perversión do sistema. Os impostos ambientais, de enerxía, como o eólico, etc… puxéronse en base á filosofía de quen contamina, paga. Agora, por unha decisión xudicial, que se toma sobre unha lei que está mal feita, ten que trasladar eses impostos a unha tarifa, ás persoas consumidoras. É dicir, non é quen contamina paga, senón que quen sofre a contaminación, paga. Iso non pode ser, a Xunta ten que posicionarse. Hai unha sentenza que hai que cumprir, mais o que hai que facer é modificar a lei para que asuma o que está asumido en todo o mundo desenvolvido: quen contamina, paga.

 

Adrián Dios. Concordo, mais engado unha cuestión. Esa situación constata que si hai viabilidade técnica para que haxa diferentes tarifas por territorios, algo que o Goberno español negaba sistematicamente. Existen mecanismos legais a través dos cales hai territorios que por producir máis, pagan máis. Entón, non deberiamos procurar un mecanismo para que paguemos menos? Porque nós, Galiza, saímos perdendo. Hai viabilidade técnica para facelo, o que abre outro debate.

 

Adrián Dios: «Unha tarifa galega, que beneficie as persoas e a nosa economía, é posíbel e viábel. Falta a decisión política»

 

SG. O da tarifa eléctrica galega…

 

Losada. Pode que soe un pouco tópico, mais no da tarifa eléctrica galega (TEG), unhas vanme e outras véñenme…

 

É evidente que somos un territorio excedentario en enerxía eléctrica e o impacto ambiental é moi forte. Que acontece? Que hai outras comunidades que teñen unha situación máis favorábel para ter tarifa propia. Por exemplo, Estremadura, con produción nuclear e sen ningún gran consumidor industrial no seu territorio, que ten custos de distribución máis baixos que aquí, que é unha comunidade eminentemente excedentaria en enerxía… Conceptualmente eu entendo a TEG, somos excedentarios, hai uns custos de transporte… e o normal é que para os grandes consumidores, nomeadamente Madrid, debería estar penalizados o consumo, ou ben bonificada a produción dalgunha maneira.

 

Mais o que me preocupa é que se iso se aplica ás 17 autonomías, Galiza fique nunha posición peor que cunha tarifa única, e especialmente se introducimos o custo de distribución interno na Galiza, coa dispersión da poboación. Hai que estudalo ben, non vaiamos ao final facer un mal negocio, que se abra esa espita da tarifa propia para todas as comunidades e resulte que non sexa tan clara a vantaxe para Galiza.

 

Dios. Estremadura é a comunidade máis excedentaria. Éo porque lle chantaron alí as nucleares e como non consome apenas, ten un excedente moi grande. Galiza non vive nunha situación excedente de electricidade porque si, ou por unha central concreta, é excedentaria porque o seu territorio foi esquilmado baixo a lóxica de que Galiza debe producir electricidade para exportar, nomeadamente a Madrid -que importa 94% da electricidade que consome-. Para Galiza sempre vai ser favorábel unha tarifa propia.

 

A respeito dos custos de distribución, na Galiza temos unha poboación dispersa, temos que pagar máis pola distribución. Eses custos foron sufragados cos impostos dos galegos para financiar os plans MEGA (Mellora Eléctrica de Galiza) da época Fraga. É dicir, que os galegos pagamos os custos de distribución cos nosos impostos; non foi o Estado español quen financiou esa rede de distribución. E por riba imos ter que volver pagar por ese concepto? Noutros territorios foron as empresas as que pagaron esas redes de distribución.

 

Temos unha vantaxe, pois, que permitiría dúas cousas: que a xente pague menos pola súa tarifa da luz, e que as nosas empresas gañen competitividade.

 

Losada. Non vou facer embaixador de Estremadura, mais unha central nuclear é un impacto moi grande. Pode soar frívolo, mais se me dan a escoller entre Almaraz e As Pontes, case que prefiro As Pontes.

 

Dios. Iso abre outro debate, preferimos a nuclear ou o carbón? Eu creo que hai que superar iso é ir cara a outro modelo enerxético.

 

Losada. Concordo, hai que procurar outro modelo enerxético.

 

Dios. Estremadura é moi excedentaria. En gran medida porque non ten ningún gran consumidor. Aquí temos Alcoa. Na Galiza temos unha estrutura de produción onde exportamos 40%, 20% vai para Alcoa e o resto fica para Galiza. Polo tanto, se non tivésemos un monstro industrial de consumo eléctrico como Alcoa, seriamos unha grandísima potencia exportadora de electricidade, por riba de Estremadura. 60% da produción enerxética de Galiza vai para exportar ou para Alcoa.

 

Isto responde a un modelo. A partir dos anos 50, introdúcense as tarifas eléctricas únicas para todo o Estado, o que responde a un modelo industrial do franquismo, que quería que a periferia producise electricidade para o centro. Nese esquema, nós estamos condenados a producir electricidade. Pasaron xa 60 anos e hai quen aposta en que isto continúe así. Debemos diferenciar tarifas eléctricas. En termos económicos, en economía de localización, producir enerxía ten que darche unha vantaxe competitiva.

 

Losada. É evidente que Alcoa cando se instalou aquí procuraba iso.

 

Dios. E posibelmente Citroën. Que fixo o goberno? Non lle interesaba iso e dixo, tarifas únicas para todo o Estado. E non esquezamos que ter ‘tarifas rexionalizadas’ é algo bastante común en Estados grandes. Alemaña, Colombia, Reino Unido… No Estado español cando hai que priorizar libre mercado ou Madrid, sempre se escolle Madrid.

 

Losada. Estou de acordo en que tecnicamente unha tarifa propia é factíbel e que tela ou non é unha decisión política. Mais creo que temos que reflexionar como país se nos vai ir ben, que o balanzo sexa favorábel. É evidente que a regulación non esta ben feita: as grandes empresas eléctricas españolas teñen uns beneficios maiores que as empresas alemás, tendo a metade do mercado e cunhas rendas máis baixas. Habería que estudar o da tarifa eléctrica, estudar tamén outras fórmulas, como en Euskadi, que non é tanto unha tarifa territorial ‘ad hoc’, senón en segmentos de consumo.

 

Dios. Unidade de mercado non significa unidade de prezos, unha laranxa custa máis aquí que en Andalucía, porque hai que transportala. Mais coa electricidade non é así. Pagamos o mesmo aquí, onde a producimos, que os que a consomen alá.

 

Abel Losada «O que me preocupa é que se se aplica tarifas ás 17 autonomías, Galiza fque nunha posición peor que cunha tarifa única»

 

Hai dous anos, os que defendiamos a TEG eramos uns frikis, dicíannos que non se podía facer nada diso. Mais vai o PP e fai unha lei que permite poñer un imposto para que na Galiza paguemos máis, e acto seguido pacta co PNV unha tarifa que se non é unha tarifa vasca parécese moito. O PP desmantelou o seu propio discurso sobre tarifas diferentes en virtude dun pacto co PNV para lograr o seu apoio aos orzamentos.

 

SG. Ese pacto co PNV deu unha nova baza argumental na Galiza no debate sobre unha tarifa propia, algo que Feijóo desbotaba afirmando que “ningún español o entendería”.

 

Dios. Nestes momentos xa hai dúas tarifas en termos industriais: unha vasca e outra para o resto do Estado. Ademais, en termos impositivos, hai outras dúas tarifas: a que afecta a territorios como Galiza, Estremadura ou Catalunya, polos canons ambientais; e o resto. Perante isto, Núñez Feijóo mantén a súa posición de servilismo ante Madrid e a oposición fixo algo intelixente, tentar acadar unha posición de país, de Galiza. Creo que teriamos que facer como coa AP9, un acordo do Parlamento galego.

 

Agora ben, non esquezamos que o lobby eléctrico está aí, e que son cinco empresas con moito poder e que vai tentar botar abaixo calquera tema que entenda que as vai prexudicar.

 

Losada. Na cuestión da tarifa e o consumo doméstico, eu sempre prefiro ponderar en base á renda e non en función do territorio. Cando na TEG se fala de baixar as tarifas, e aínda que soe demagóxico… É realmente importante baixar a tarifa nos chalets das urbanizacións da Illa da Toxa? Eu prefiro unha política social de apoio para o consumo nas rendas baixas. Porque redistribúe en termos de riqueza, o outro non. Sanidade e educación son servizos universais, teñen que ser gratuítos independentemente da renda, é evidente. Mais neste tema?

 

Dios. Fas unha analoxía que non é certa e na que fica o pouso de que o nacionalismo é para defender os intereses dos ricos.

 

Losada. Non, o nacionalismo defende o territorio, mais no territorio hai ricos.

 

Dios. Na Galiza temos a renda máis baixa do Estado, polo que a tarifa galega, territorialmente, é unha redistribución. E unha pregunta: os libros de texto terían que ser para todos os nenos ou só para familias humildes? Os libros de texto son un ben que entendo fundamental, por iso deben ser para todos. E a electricidade, que debe estar garantida para todo o mundo, quen máis ten, ten que pagar máis, pero vía impostos, non vía prezos, porque se non, non hai redistribución.

 

Losada. No caso industrial téñoo claro, a tarifa é un factor de localización e competitividade moi importante. No das tarifas domésticas é distinto.

 

Dios. A redistribución vía prezos sobre un ben básico acaba xerando desigualdades, cando podía subsanarse vía impositiva. Podería facerse se houber interese político. Legalmente é posíbel.

 


 

Oligopolio e novo modelo enerxético

 

SG. Coincidiades antes en falar da necesidade dun novo modelo enerxético…

 

Dios. 41% da electricidade que se consumiu no Estado en 2016 foi renovábel. Hai posibilidade pois de ir cara á substitución de combustíbeis fósiles e de enerxía nuclear. No caso galego somos vangarda en produción renovábel: 50% da produción enerxética en Galiza é renovábel. A viabilidade está aí. Non é un problema de que sexa máis caro, senón que hai intereses en contra.

 

Losada. Agás iluminados como o curmán de Rajoy ou Trump, todos temos claro que o camiño é o das renovábeis. A tendencia vai cara a un novo modelo, mesmo no PP o saben. Hai outro elemento importante, até o de agora paralizado, como é o do autoconsumo, que nunha estrutura demográfica como a galega pode ter moita importancia. Mais non esquezamos que Unesa [patronal das grandes empresas eléctricas] pesa moito e as grandes eléctricas teñen moito capital investido en nucleares, térmicas, etc…

 

SG. O oligopolio eléctrico semella case que imposíbel de derrotar…

 

Losada. Eu lembro de cativo, nos 60, que Barrié de la Maza era deus. Fenosa na Galiza era A Empresa. Nin Citroën, nin estaleiros; Fenosa. Era toda aquela simboloxía do progreso, a idea de que os encoros eran o futuro e daban emprego.

 

Dios. En termos de emprego é interesante un dado: as renovábeis xeran moito máis emprego.

 

Losada. E tamén en innovación, de fronteira tecnolóxica. Perdemos nestes nove anos a vantaxe relativa que tiñamos nas renovábeis.

 

Dios. Hai mecanismos para intentar rachar con ese derrotismo perante o oligopolio. Por exemplo, o cooperativismo eléctrico. Na Galiza temos exemplos disto, aínda incipientes. Mais en Alemaña hai unha destas cooperativas que ten máis de 300 mil cooperativistas. É un paso para transformar o mercado eléctrico tradicional. O que non se pode soster é o modelo onde 45 millóns de consumidores dependan de cinco empresas.

 

Este debate apareceu no Sermos Galiza nº 250, publicado a 15 de xuño do 2017.