Que haxa un novo Prestige é tan só "cuestión de azar"

Chapapote nas praias galegas (Imaxe de arquivo: Europa Press)
Nunca Máis, marea negra... a forza das palabras ten a capacidade de retrotraernos 18 anos atrás, cando o petroleiro Prestige escorou o 13 de novembro de 2002 a 29 millas de Fisterra. Tamén outro termo comezaba a soar daquela: bandeira de conveniencia. Hoxe, esta práctica, o intenso tráfico de mercadorías perigosas que soporta a nosa costa e os fondos baleiros legais fan temer outro Prestige. 
 

"A medida que pasaban as horas constatábase a indefensión ante o que nos viña enriba: unha marea negra de dimensións descoñecidas até entón na Galiza", así recorda aqueles días de novembro de 2002, en conversa con Nós Diario, Xaquín Rubido, Xocas, un dos voceiros da plataforma Nunca Máis, o movemento social que marcou a historia presente do país fronte á indefensión e o desleixo á Galiza dos gobernantes no Estado -con José María Aznar na Presidencia e Mariano Raxoi de número dous- e da Xunta, con Manuel Fraga á fronte. 

"Houbo unha xestión nefasta e aínda non o recoñeceron, a pesar de que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, con todas as eivas que ten a sentenza do Prestige, dixese que houbo unha coordinación confusa e difusa", explica Rubido.

"Non cabe dúbida de que o movemento Nunca Máis e a presión social que se deu durante tempo deron froitos", afirma, recoñecendo que se produciron cambios lexislativos na Unión Europea (UE) e que o Estado se dotou de medios e de buques anticontaminación. Con todo, alerta Rubido de que "co decaemento da presión social, houbo unha relaxación nas medidas e as políticas neoliberais en aumento desembocaron na privatización e centralización de moitos dos servizo de salvamento marítimo". 

"Non estamos na situación de  2002 pero as ameazas están aí", avisa Rubido, que contrapón a mellora da calidade dos buques no ámbito da UE, coa norma que obriga a levar dobre casco, por exemplo; co feito de que unha ampla porcentaxe das embarcacións de mercadorías perigosas que transcorren polo corredor de Fisterra non teñan que cumprir ningunha das obrigas comunitarias ao non faceren parada en portos da UE". 

Así mesmo, as chamadas bandeiras de conveniencia -levar bandeira dun Estado diferente ao do propietario do barco para acollerse ás normas de países en que se matriculan, obviamente laxas ou inexistentes- "seguen sendo fundamentais para o lucro das empresas navieiras por que conseguen eludir os controis de seguridade e pagan menos", explica Rubido.

"Unha boa parte do tráfico de mercadorías perigosas que atravesa a costa galega está baixo bandeiras de conveniencia, posibelmente máis de 50% de buques da Unión Europea están baixo esa práctica", lamenta o ex voceiro da plataforma Nunca Mais. 

Con cuestións como estas, que haxa outro Prestige "é cuestión de azar", lamenta. Aliás, os últimos datos amosan que unha media de 35 barcos con mercadorías perigosas a bordo pasa fronte ás costas do noso país cada día, perto de 13.000 ao ano, 250 máis que en 2002, cando afundiu o Prestige. Os hidrocarburos continúan a ser a principal carga que eses buques 'perigosos' transportan no seu interior.